saltar ao contido

Pilar Rojo cede a Presidencia da COPREPA a Arantxa Quiroga reivindicando a concordia e o consenso como esencias do parlamentarismo

• Participou, en Vitoria, nunha reunión coa presidenta do Parlamento Vasco para formalizar o traspaso de poderes da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2012.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, reiterou esta mañá en Vitoria-Gasteiz, que “os que nos dedicamos á actividade pública, entendida como búsqueda do ben común, debemos redobrar os nosos esforzos para que a concordia e a búsqueda do consenso inspiren e impregnen as nosas actuacións”.
 
Pilar Rojo efectuou esta reflexión no transcurso do acto de traspaso formal da Presidencia da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos (COPREPA) á súa homóloga do Parlamento Vasco, Arantza Quiroga.
 
A presidenta saínte da COPREPA reiterou que desde as diferentes Cámaras lexislativas “temos a obriga de afianzar a dimensión de servizo público do labor parlamentario, reivindicando a súa esencia democrática, libre, representativa e solidaria”.
 
Pilar Rojo felicitouse pola recente elección, por unanimidade, de Arantza Quiroga como presidenta da COPREPA, da que, dirixíndose a ela, dixo estar segura de que desempeñará este cargo coa “mesma solvencia, a mesma entrega e a mesma dedicación da que tes feito gala nas diferentes responsabilidades que tes desempeñado ata este momento”.
 
Mellorar o funcionamento dos Parlamentos
Sobre a COPREPA, Pilar Rojo recordou  que ten como finalidade contribuir a mellorar o funcionamento das cámaras lexislativas, obxectivo que o Parlamento de Galicia tratou de acadar ao longo do último ano durante o que ostentou a Presidencia desta Conferencia.
 
A modo de balance do traballo que impulsou durante os últimos 12 meses como presidenta da COPREPA, Pilar Rojo apuntou os avances rexistrados nos mecanismos de intercambio de información e documentación parlamentaria, o traballo desenvolvido na divulgación da actividade e as funcións dos Parlamentos e os novos mecanismos de colaboración entre as cámaras.
 
Citou, como exemplo, o protocolo aprobado no Plenario celebrado a pasada semana en Santiago e que abre a porta a posibilidades tan diversas como a movilidade ou a organización conxunta de actividades de interese para as diferentes institucións.

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina