saltar ao contido

Pilar Rojo reclama situar no centro do debate parlamentario “os asuntos que realmente importantan ás persoas”

A presidenta do Parlamento de Galicia e da COPREPA inaugurou a reunión anual da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autónomicos, á que tamén asiste o titular do Senado
 
Pilar Rojo reclama situar no centro do debate parlamentario “os asuntos que realmente importantan ás persoas”

• Elaborar mellores leis, promover o intercambio de información, documentación e  experiencias, obxectivo na reunión de presidentes de parlamentos

Santiago, 5 de marzo de 2012.- “Debatendo e traballando sobre os asuntos que realmente importan ás persoas é como os parlamentos se sitúan no centro do sistema político e se revelan como peza clave para conformar unha sociedade democrática avanzada”. Así o manifestou a presidenta do Parlamento de Galicia e da COPREPA, Pilar Rojo, esta mañá, ao inicio do Plenario Anual da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autónomicos, que se dan cita desde hoxe en Santiago, acompañados polo presidente do Senado, Pío García-Escudero.
En opinión de Rojo Noguera a “proximidade ao cidadán” é “unha das maiores fortalezas do parlamentarismo moderno”. A reunión que esta mañá deu comezo na sede do Parlamento de Galicia  constitúe “o foro axeitado para intercambiar experiencias e prácticas orientadas a mellorar o funcionamento das Cámaras aquí representadas e, en consecuencia, o servizo que prestamos aos cidadáns que nos elixiron”.
Como posibles vías de colaboración a explorar durante esta xuntanza, Pilar Rojo destacou tres obxectivos: “Elaborar mellores leis, que respondan ás necesidades sociais; mellorar os mecanismos de intercambio de información e documentación de carácter parlamentario, como estamos facendo a través da Rede Parlamenta; ou avanzar no intercambio de experiencias, como sucede nas reunións que periodicamente manteñen os letrados e outros funcionarios”.

Esencia democrática
“Creo que é a nosa obriga, agora máis ca nunca, afianzar a dimensión de servizo público do labor parlamentario, reivindicando a súa esencia democrática, libre, representativa e tolerante”, agregou Rojo Noguera.
A presidenta do Parlamento de Galicia tamén fixo un chamamento para que os responsables públicos amosen unha “actitude máis comprometida ca nunca” redobrando os esforzos de explicación e tratando de achegar a realidade das institucións ao conxunto dos cidadáns.
Como exemplo, Rojo Noguera sinalou que o Parlamento de Galicia leva tres anos tratando de acadar esa meta a través de iniciativas como as xornadas de portas abertas; xornadas de formación para mellorar o coñecemento que diferentes colectivos teñen sobre o Parlamento; organizando actividades para recuperar e poñer en valor o pasado da institución, como a exposición “Aqueles Primeiros Anos”; a edición dun Manual Parlamentario dirixido a deputados, xornalistas e funcionarios; ou libros didácticos para nenos, entre outros exemplos.

Ademais da presidenta do Parlamento de Galicia e da COPREPA, participan no Plenario inaugurado esta mañá os presidentes dos parlamentos do País Vasco, Cataluña, La Rioja, Murcia, Comunidad Valenciana, Aragón, Castilla-La Mancha, Canarias, Navarra, Extremadura, Baleares e Castilla y León.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina