saltar ao contido

Santiago acollerá os días 5 e 6 de marzo a reunión plenaria anual da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos

• Pilar Rojo fará balance da súa etapa como presidenta da COPREPA e cederá esa responsabilidade  a outro presidente
 
• O presidente do Senado, Pío García-Escudero, asistirá á sesión de apertura da reunión
 
• Serán recibidos polo presidente da Xunta e polo alcalde de Santiago de Compostela

 
Santiago, 3 de marzo de 2012.- O Parlamento de Galicia acollerá os vindeiros días 5 e 6 de marzo, a reunión plenaria anual da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España (COPREPA), entidade que durante o último ano presidiu a titular do Lexislativo galego, Pilar Rojo Noguera.
 
Como presidenta da COPREPA e anfitriona deste plenario anual, Pilar Rojo aproveitará a reunión para facer balance destes doce meses á fronte da entidade que agrupa aos presidentes das cámaras lexislativas, un mandato durante o que se renovaron a maioría dos parlamentos autonómicos.
Neste tempo, os esforzos da Presidencia galega centráronse en fortalecer os mecanismos de coordinación e colaboración internos, como sucedeu coa implantación da denominada Red Parlamenta, para o intercambio de información e documentación parlamentaria.
 
Presidente do Senado
 
O Plenario da COPREPA arrincará na mañá do luns 5 de marzo, cunha recepción ofrecida pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, aos demais presidentes asistentes, á que seguirá unha reunión de traballo na propia sede da Cámara galega.
 
O presidente do Senado, Pío García-Escudero, asistirá a esta primeira parte do Plenario.  A asistencia de García-Escudero responde a unha invitación cursada pola presidenta da COPREPA, dado o carácter territorial da Cámara Alta.
 
Reunións co presidente da Xunta e co alcalde de Santiago
 
Durante a xornada do luns 5 de marzo, os presidentes dos parlamentos autonómicos tamén serán recibidos polo presidente da Xunta de Galicia e polo alcalde Santiago de Compostela.
 
Ao día seguinte, o martes 6 de marzo, logo da sesión de traballo, farase pública a declaración institucional aprobada polo Plenario da COPREPA e anunciarase o nome do novo presidente ou presidenta da COPREPA para o seguinte período anual. 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina