saltar ao contido

O Parlamento de Galicia convoca a segunda edición do seu concurso escolar dentro da estratexia de achegar a institución á sociedade

 
• A convocatoria, encamiñada a fomentar o traballo en equipo sobre o Parlamento e os valores que representa a institución, prevé premios para os gañadores, os docentes coordinadores, a clase e o centro escolar
 
• Os escolares de infantil, primaria, secundaria e educación especial poderán presentarse nas modalidades de debuxo, redacción e expresión libre
 
• Os centros interesados en participar poden inscribirse antes do día 10 de febreiro en presidencia@parlamentodegalicia.es. Os traballos deben presentarse no rexistro do Parlamento ou enviarse por correo postal antes do 13 de abril
 

Santiago, 5 de febreiro de 2012.- O Parlamento de Galicia abriu o prazo de inscrición para poder participar na segunda edición do concurso escolar “Parlamento de Galicia, a túa casa. A casa de todos os galegos e as galegas”.
 
Nesta nova convocatoria, poderán participar todos os rapaces que cursan ensinanzas obrigatorias na Comunidade Autónoma, co obxectivo de impulsar o coñecemento dos valores democráticos e o funcionamento da Cámara lexislativa galega. Os centros interesados en participar poden inscribirse antes do día 10 de febreiro en presidencia@parlamentodegalicia.es. O prazo de presentación de orixinais para este concurso remata o próximo 13 de abril.
 
Estimular a conciencia democrática
 
Esta nova edición do concurso escolar do Parlamento de Galicia enmárcase na aposta da presidenta da Cámara, Pilar Rojo, por dar a coñecer a institución e os valores que esta representa.
 
Pilar Rojo considera esencial concienciar e involucrar aos rapaces galegos nos valores da democracia parlamentaria e, por iso, as bases deste concurso escolar pretenden estimular tamén o traballo en equipo dos participantes.
 
“Os escolares de hoxe serán, en breve, cidadáns de pleno dereito sobre os que recaerá a responsabilidade de rexer o noso destino. Canto antes coñezan o funcionamento das institucións democráticas, antes tomarán conciencia sobre valores como a igualdade de dereitos e obrigas, o respecto á pluralidade, a participación e a concordia que non me cansarei de reivindicar como xerme da vida parlamentaria, pero tamén da convivencia social”, severa Pilar Rojo.
 
Modalidades
 
O concurso escolar do Parlamento de Galicia estrutúrase en tres modalidades:
 
• Concurso de debuxo/pintura (todas as técnicas)
Dirixido ao alumnado de infantil, de 1.º, 2.º e 3.º de educación primaria e de educación especial.
Formato e soporte do traballo:
- Medida en DIN-A 3
- Papel e cartolina
- Collage
-   Cómic
 
• Concurso de redacción
Dirixido ao alumnado de 4.º, 5.º e 6.º de primaria e 1.º e 2.º de secundaria. As redaccións serán manuscritas e terán unha extensión máxima dun folio.
 
• Concurso de expresión libre
Dirixido ao alumnado de 3.º e 4.º de secundaria. Valoraráse calquera tipo de expresión creativa como vídeo, fotografía, spot publicitario ou medio relacionado coas tecnoloxías da información, que poida ser inserido nunha páxina web. Non se admitirán maquetas físicas.
 
Premios
 
En cada modalidade concederanse dous premios: un primeiro premio para o grupo que resulte gañador, e un segundo premio ou premio finalista ao grupo que quede en segundo lugar.
 
Ademais concederase un premio á clase á que pertenza o grupo gañador, outro para o/a docente que coordinase o traballo do devandito grupo e outro ao centro educativo ao que pertenza ese grupo gañador.
 
Cada un dos alumnos gañadores do concurso de debuxo e pintura recibirá unha consola, un xogo sobre a arte de pintar e un lote de libros.
 
Os gañadores dos concursos de redacción e de expresión libre serán premiados cun ordenador portátil e un lote de libros.
A clase de cada grupo gañador será premiada cunha excursión de carácter educativo para visitar un lugar significativo de Galicia na data que decida o centro.
 
Cada un dos profesores coordinadores dos traballos gañadores terán como premio unha táboa dixital.
 
Cada un dos centros educativos dos equipos gañadores recibirán 2.000 euros para destinar á organización de actividades extraescolares ou actividades da biblioteca escolar.
Cada un dos grupos finalistas recibirá un MP4 e un lote de libros.
 
Xurado institucional
 
O xurado encargado de seleccionar os traballos galardoados estará composto polos membros da Mesa do Parlamento, ou os deputados nos que deleguen, e por un docente proposto polo Parlamento de Galicia.
 
As bases do concurso e o boletín de inscrición están publicadas na web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es) e xa foron enviadas aos centros.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina