saltar ao contido

Lingüistas e letrados da Xunta e do Parlamento participan nun seminario para mellorar a calidade técnica dos textos lexislativos

 
• A actividade enmárcase na estratexia de formación que está desenvolver o Parlamento para mellorar a calidade do traballo que se desenvolve na Cámara
 
 
Santiago, 25 de xaneiro de 2012.- Lingüistas e letrados da Xunta de Galicia e do Parlamento autonómico participaron estes días nun seminario orientado a incrementar a calidade técnica dos textos lexislativos desde unha dobre vertente: a xurídica e a lingüística.
 
O seminario, que se celebrou desde onte nas dependencias do Parlamento de Galicia enmárcase no programa de formación impulsado pola presidenta do Parlamento, Pilar Rojo  e que se está a desenvolver a Cámara autonómica en diversos ámbitos co obxectivo final de mellorar a calidade do traballo parlamentario e facelo máis comprensible para os cidadáns.
 
Durante a xornada de onte, os participantes  no seminario sobre redacción de normas abordaron asuntos como a intervención lingüística no Servizo de Publicacións do Parlamento e o Servizo de Traducción da Xunta, criterios que se aplican e propostas de futuro.
 
A sesión estivo moderada pola xefa do Servizo de Publicacións do Parlamento de Galicia, María Luisa Fernández Somoza, e contou  coa intervención de Carlos Díaz Abraira, técnico do Servizo de Publicacións do Parlamento; e de Xermán García Cancela, do Servizo de Traducción da Xunta de Galicia.
 
Cuestións xurídicas
Durante a xornada de hoxe, os participantes abordaron dúas realidades diferentes. Por unha parte, o relatorio titulado “A redacción das normas lexislativas e o seu alcance. Consecuencias xurídicas dos defectos de técnica lexislativa: planos constitucional e de legalidade ordinaria”, correu a cargo do letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, Xosé Antón Sarmiento Méndez.
 
A xefa do Gabinete de Desenvolvemento Lexislativo da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galia, Carmen Bouso Montero, analizou “A redacción e estruturación das normas na Comunidade Autónoma; estado da situación e criterios aplicables”.
 
Formación para xornalistas
Dentro desta estratexia encamiñada a mellorar a comprensibilidade dos traballos e debates que se desenvolven na sede lexislativa, o  Parlamento de Galicia acollerá o vindeiro luns, 30 de xaneiro, unha Xornada de formación sobre técnica parlamentaria para xornalistas, orientada aos informadores que cubren a actividade do Lexislativo autonómico, pero tamén aberta a outros profesionais interesados.
 
Preténdese ofrecer formación e información práctica sobre os traballos que se desenvolven na Cámara lexislativa galega, abordando aspectos como os procedementos lexislativos, procedementos de control e impulso da acción de Goberno, afondando na definición, finalidades, trámites e prazos dos mesmos.
 
Os participantes nesta xornada tamén terán oportunidade de coñecer a ferramenta para o acceso a documentos, expedientes, preguntas parlamentarias e vídeos na web do Parlamento de Galicia. No tramo final da xornada, os inscritos terán ocasión de plantexar as dúbidas que se suscitan con maior frecuencia en relación cos diferentes trámites e procedementos parlamentarios.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina