• A delegación da Cámara galega remata a visita a China asinando un memorando coa Asemblea de Mongolia Interior para impulsar as relacións coa rexión máis boiante do país
• Mentres que no ano 2010 o PIB do conxunto de China medrou un 8%, o de Mongolia Interior o fixo un 17%
• As autoridades de Mongolia Interior agardan que esta primeira visita galega “marque o inicio dunha etapa de boas relacións”
Pekín, 22 de xuño de 2011.- A delegación do Parlamento de Galicia que estes días visitou China e mailo Parlamento de Mongolia Interior asinaron hoxe en Hohhot (capital da rexión autónoma) un memorando de intencións no que as partes se comprometen a “esforzarse mutuamente” para impulsar as relacións entre os dous territorios.
O documento foi asinado polo viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular, Román Rodríguez, en representación da delegación galega (integrada tamén polo portavoz parlamentario do BNG, Carlos Aymerich; e polo director do IGADI, Xulio Ríos) e polo director da oficina de Relacións Exteriores da Asemblea de Mongolia Interior, Yun Xiaoming, en presenza doutras autoridades locais, como o vicepresidente da Cámara rexional.
Compromisos
Os asinantes do memorando comprométense a impulsar, con carácter estable, o intercambio e a cooperación no ámbito comercial, cultural, educativo, tecnolóxico e turístico, ademais de tratar de fomentar as relacións bilaterais, tanto entre os respectivos gobernos rexionais, como entre entidades de carácter non gobernamental.
O memorando tamén contempla o establecemento de canles de intercambio de información entre os dous parlamentos en ámbitos relacionados coa construcción do sistema xurídico, dado o interese das autoridades chinesas polo funcionamento das institucións galegas de autogoberno.
“Futuro de boas relacións”
Con anterioridade á sinatura do acordo, a delegación galega mantivo unha reunión de traballo co responsable de Relacións Exteriores da Cámara e con outros deputados, na que Yun Xiaoming, fixo votos por materializar as propostas de cooperación entre os dous territorios.
Idéntico propósito amosou o vicepresente da Asemblea, que manifestou o seu desexo de que esta primeira visita institucional galega a Mongolia Interior “marque o inicio dun futuro de boas relacións” entre os dous territorios.
Román Rodríguez agradeceu o bo acollemento brindado polas autoridades de Mongolia Interior á delegación galega e amosouse esperanzado en que as relacións entre as dúas rexións permitan establecer liñas de colaboración proveitosas para as dúas partes
A primeira hora da mañá, a delegación galega visitou a sede da Academia de Ciencias Sociais de Mongolia Interior -unha organización pública dedicada á investigación aplicada e que asesora ás autoridades-, onde mantiveron unha reunión de traballo con diferentes responsables da mesma, que explicaron os seus obxectivos en materia de planificación económica e medio ambiente, un dos ámbitos, este último, no que agardan establecer canles de cooperación coas universidades galegas.
Rexión líder do crecemento chinés
Así, explicaron que Mongolia é a área que rexistra o maior crecemento económico de toda China ao longo dos últimos 10 anos. No período 2005-2010, o PIB de Mongolia Interior medrou a un ritmo do 17,6% anual, e agardan que ata o 2015 siga crecendo un 15% cada ano.
O conxunto de China rexistrou, en 2010, un crecemento do 8%, segundo datos facilitados desde a Academia Chinesa de Ciencias Sociais, dato que reflicte o dinamismo da economía da rexión que pretende afondar relacións con Galicia.