A Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 12 de xullo de 2023, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en comisión
Aprobación con modificacións
- 54780 (11/PNC-004715)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Puy Fraga, Pedro e catorce deputados/as máis
Sobre a demanda que debe dirixir a Xunta de Galicia ao Goberno central en relación coas reivindicacións dos avogados da quenda de oficio
BOPG nº 514, do 28.06.2023
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, por 7 votos a favor, 5 votos en contra e 0 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que, en diálogo e coa participación dos colexios profesionais da avogacía e da procuradoría, impulse as seguintes medidas:
1º. A aprobación dunha nova lei de dereito de defensa que inclúa:
a) A extensión da regulación da quenda de oficio e da asistencia xurídica gratuíta para recoller expresamente este dereito ás persoas xurídicas.
b) Que a intervención dos profesionais designados de oficio sexa indemnizada sempre que realicen algunha actuación.
c) Facilitar a conciliación de vida laboral e familiar destes profesionais.
2º. Analizar a situación dos mutualistas alternativos de cara a promover, xunto coas mutualidades, unhas condicións de xubilación dignas.»
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 54150 (11/PNC-004654)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Tabarés Pérez-Piñeiro, Iago e dous deputados/as máis
Sobre as demandas que o Goberno galego debe facer ao Goberno do Estado respecto do sistema de protección social das e dos avogados e procuradores BOPG nº 506, do 14.06.2023
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta o Goberno de España a realizar as actuacións e modificacións necesarias, en relación coas profesionais da avogacía e da procuradoría que teñen contratado coa mutualidade profesional o sistema de protección social alternativo ao RETA, para:
a) En diálogo coas respectivas mutualidades, permitir a posibilidade, voluntaria e temporal, de trasladar ao RETA as cantidades cotizadas na mutualidade profesional, computándose para efectos na devindicación de pensións e prestacións futuras, xubilación incluída; en todo caso, logo de ponderación das cantidades ingresadas e dos períodos cotizados. Respecto ao grupo de mutualistas pasivos, aplicar o complemento a mínimos nas súas pensións.
b) Evitar a equiparación fiscal das cotizacións realizadas na mutualidade cun plan de pensións complementario.
c) Mellorar as condicións da xubilación parcial dos profesionais da avogacía e procuradoría.»