Santiago, 7 de xullo de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía no acto institucional conmemorativo do 40 aniversario do Consello da Cultura Galega, “unha institución indispensable para o presente e para o futuro de Galicia".
O titular do Lexislativo galego tivo palabras de felicitación e de agradecemento para todas as persoas que integraron e integran o Consello.
Recordou Santalices que a lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega, é unha das “leis fundacionais da Autonomía galega", na medida en que se aprobou cando apenas transcorrera ano e medio desde a constitución do primeiro Parlamento de Galicia. Leis como a de normalización lingüística, a de recoñecemento da galeguidade, ou a do Consello da Cultura Galega regularon “cuestións determinantes para a configuración institucional da Galicia contemporánea, posuidora dunha identidade propia, forxada durante séculos, mais sen recoñecemento normativo de ningún tipo ata aquela altura".
Cando xa transcorreron máis de catro décadas desde a posta en marcha da Autonomía galega, as tres institucións estatutarias -Consello da Cultura Galega, Valedor do Pobo e Consello de Contas- “teñen ás súas costas unha dilatada folla de servizo a Galicia e aos galegos, froito do rigor co que exercen o seu cometido, e que se traduce no recoñecemento xeral da sociedade para a que traballan". Recordou, neste sentido, que as tres institucións foron galardoadas coa Medalla do Parlamento de Galicia de 2022.
Oportunidades e retos
A xuízo co presente da Cámara galega, realidades aparentemente inconexas como a dixitalización ou o devalo demográfico “obrígannos a repensar o presente e o futuro da cultura galega e das diferentes entidades que a integran".
“A dixitalización abre un universo de posibilidades practicamente ilimitadas para o coñecemento e a difusión da nosa cultura, deixando atrás barreiras outrora insalvables", afirmou Santalices, quen puxo como exemplo o Arquivo da Emigración impulsado polo Consello da Cultura Galega.
“Pero canda esta fecunda realidade, temos ante nós -agregou Santalices- o reto de preservarmos -tato na Galicia territorial como na Galicia exterior- os fondos documentais e a memoria ata o de agora xestionada por fundacións, padroados e centros galegos, entre outras entidades, unha preocupación seguramente compartida por moitos, tamén polo Consello da Cultura Galega".
Saúdos, Gabinete de Comunicación.