Santiago, 3 de febreiro de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reuniuse esta mañá en Lisboa co presidente da Asemblea Lexislativa da República de Portugal, Prof. Dr. Augusto Santos Silva, co que conversou sobre o funcionamento das dúas cámaras e reiterou o interese por afondar as relacións coa lusofonía.
A entrevista que pon o broche á visita de Santalices a Lisboa para inaugurar a exposición “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia / 1981-2021", que onte quedou aberta ao Público na sede do Centro Galego de Lisboa, onde poderá visitarse ata o vindeiro 4 de marzo.
Na inauguración da mostra, o presidente do Parlamento de Galicia recordou que a Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia no ano 2014, “obríganos a profundar nos vínculos que nos unen cos países e comunidades de lingua portuguesa".
Santalices aproveito a súa intervención para salientar o apoio do conxunto da sociedade galega á execución da conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Lisboa, “unha vella e xusta aspiración reiteradamente apoiada tamén pola institución que me honro en representar".
A xuízo do presidente do Paramento de Galicia, “os froitos abundantes da cooperación fronteiriza constitúen un aliciente para seguir cooperando no futuro, se cabe aínda con maior intensidade, sen máis limitacións que o respecto e a comprensión mutuos".
Saúdos, Gabinete de Comunicación.