Santiago, 27 de decembro de 2022.- O programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia, suspendido en marzo de 2020, ao comezo da pandemia por covid-19, está a rexistrar un crecente repunte de participación, como o demostra o balance de 2022. Ao longo do ano que agora remata, visitaron o Parlamento de Galicia un total de 10.153 persoas, integradas en 252 grupos diferentes.
Do total de persoas que visitaron a Cámara neste ano, 3.808 corresponden ao programa “Coñece as túas institucións", impulsado polo Parlamento e pola Xunta e dirixido a alumnado escolarizado en cetros públicos da Comunidade Autónoma. Ofréceselles transporte de balde ata Santiago para que nunha mesma xornada podan visitar ás sedes da Xunta e do Parlamento e, ao tempo, recibir información sobre os poderes Lexislativo e Executivo, e as diferentes competencias que cada un deles ten encomendadas.
O resto dos visitantes -6.345 persoas- participaron no programa de visitas guiadas do Parlamento, aberto a calquera persoa individual, grupos ou colectivos que o soliciten con anterioridade. Ademais, todos os luns (agás festivos ou determinadas datas concretas) son xornadas de portas abertas, de xeito que calquera persoa que o desexe pode visitar o Parlamento sen cita previa en tres quendas: 10,00, 12,00 e 16,30 h.
Tendencia alcista
A participación nesta iniciativa foise incrementando a medida que avanzou o ano 2022 polo que, de manterse, no vindeiro 2023 á probable que se superen os datos que se rexistraban antes da pandemia, con arredor de 12.000 visitantes anuais nos exercicios anteriores a 2020.
Estas actividades forman parte da estratexia de apertura do Parlamento, que inclúe outras iniciativas como o programa de charlas divulgativas en centros educativos ou as exposicións itinerantes, entre outras.
Neste momento, a mostra “O Poder da palabra.40 anos do Parlamento de Galicia / 1981-2021" pode visitarse na Casa de Galicia en Madrid, mentres a unha escolma da colección artística da Cámara, titulada “A Nosa Arte", está aberta ao público na sede de Afundación de Vigo.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.