• O acto celebrouse no Parlamento de Galicia no marco das actividades de promoción da saúde organizadas pola Cámara
Santiago, 22 de novembro de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta mañá unha xornada de concienciación sobre o cancro de próstata, coa que a Cámara retoma as actividades de concienciación e promoción da saúde logo do parón derivado da pandemia.
Durante a súa intervención, o presidente do Parlamento de Galicia recordou que “o cancro de próstata é o primeiro tumor en incidencia e o terceiro en mortalidade en varóns”, e que esta realidade contrasta co feito de que siga a ser “un gran descoñecido para gran parte da poboación”. “Ao descoñecemento -engadiu Santalices Vieira- súmase en moitas ocasións o estigma”.
Ante esta realidade, o titular do Cámara lexislativa recordou a importancia da prevención. Afirmou que o Parlamento “aspira a ser un gran espello no que todas as realidades de Galicia e dos galegos se sintan reflectidas, incluíndo, por suposto, todo o relacionado coa prevención, a promoción e o coidado da saúde, o ben máis prezado de calquera ser humano”.
O titular do lexislativo galego agradeceu o Dr. Andrés Rodríguez Alonso, xefe do Servizo de Uroloxía do Complexo Universitario de Ferrol que impartiu unha conferencia sobre o cancro prostático, a súa participación neste foro e as súas dotes para a divulgación sanitaria. Na xornada tamén interveu o director xeral de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), Jorge Aboal Viñas.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.