saltar ao contido

Santalices recibe o alumnado gañador do VIII premio 'Estatuto de Autonomía de Galicia' convocado pola Deputación de Ourense

Santiago, 15 de xuño de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia recibiu este mediodía, no Pazo do Hórreo, a unha vintena de alumnas e alumnos gañadores do VIII premio 'Estatuto de Autonomía de Galicia' de debuxo e redacción escolar, convocado pola Deputación Provincial de Ourense e que nesta edición tivo como lema “A defensa da identidade de Galicia: a Xeracións Nós”. A visita á Cámara galega forma parte do premio contemplado nas bases da convocatoria.

Durante o encontro, celebrado no exterior do Pazo do Hórreo e respectando as recomendacións sanitarias orientadas á prevención da covid-19, Santalices Vieira explicou a historia e funcionamento do Parlamento de Galicia ao alumnado participante nesta visita.

Tamén recordou que o pasado 6 de abril, coincidindo co 40 aniversario da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia, o Parlamento entregou a súa Medalla ás fundacións herdeiras da Xeración Nós -Otero Pedrayo, Castelao, Losada Diéguez e Vicente Risco-, como recoñecemento á conciencia galeguista espallada polos seus integrantes, máis tamén polo espírito cosmopolita e de vangarda do que fixeron gala cen anos atrás. “Foi un recoñecemento merecido co que saldamos unha débeda que Galicia toda tiña coa Xeración Nós”, afirmou Santalices.

Ademais do encontro co titular do Lexislativo galego, o alumnado participante nesta iniciativa efectuou unha visita guiada, divididos en grupos, á sede do Parlamento de Galicia.

A maioría do alumnado participante nesta visita cursa ESO e tres deles Bacharelato. Estudan nos colexios Divina Pastora-Franciscanas e no Padre Feijoo-Zorelle, de Ourense.


Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina