A Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 2 de xuño de 2021, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación con modificacións
- 15860 (11/PNC-001591)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pérez López, Noelia e 6 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para demandar do Goberno de España a reconsideración da centralización das salas do 091 e a cobertura urxente de todas as vacantes nos cadros de persoal
BOPG n.º 138, do 12.05.2021
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, por 10 votos a favor, 2 votos en contra e 0 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“1) O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que reconsidere a súa decisión de centralizar as salas 091 da Policía Nacional de Ourense e Lugo no CIMACC de A Coruña, e restaure o servizo das salas 091 nas Comisarías de Ourense e Lugo ao obxecto de seguir prestando un servizo público eficaz e cercano aos cidadáns.
2) O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España, para que con carácter urxente cubra todas as vacantes existentes nos cadros de persoal das comisarías galegas e incremente os medios materiais necesarios para o seu correcto funcionamento.
3) O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a
demandar do Goberno de España, para que con carácter urxente cubra todas as vacantes existentes no cadro de persoal da Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma.
4) O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado a elaboración, con intervención dos sindicatos policiais, dun informe detallado sobre situación e funcionamento das salas do 091 da Policía Nacional en Galiza, a fin de , sen prexuízo do interesado no parágrafo primeiro, analizar a descentralización do servizo nas comisarías das provincias de Pontevedra e A Coruña.”
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 5279 (11/PNC-000629)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Castro Rey, Paloma e 3 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa demora que rexistran os informes do Instituto de Medicina Legal de Galicia e a insuficiencia dos seus centros e da súa dotación de persoal
BOPG n.º 49, do 19.11.2020
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento insta a Xunta de Galicia a:
1. A que a través do Instituto de Medicina Legal de Galicia se realice un estudo do tempo de retraso dos informes, segundo a súa organización territorial.
2. En atención ao resultado do estudo anterior, adoptar as medidas de persoal que requira a organización territorial do IMELGA, de xeito consensuado coa súa Dirección, e consonte as necesidades concretas en cada caso, tendo en conta o número de poboación correspondente á demarcación da subdirección e o seu volume de traballo.
3. E incremente a formación do persoal do IMELGA en materia de violencia de xénero ao tratarse dunha realidade diferenciada e ao atender a necesidades específicas.”