saltar ao contido

As institucións estatutarias galegas conmemoran no Parlamento de Galicia os 40 anos de autogoberno

 
 
• O Lexislativo galego celebra o vindeiro venres, 28 de maio, unha xornada con tres mesas redondas arredor do papel do Consello da Cultura Galega, o Valedor do Pobo e o Consello de Contas

Santiago, 24 de maio de 2021.- O Parlamento de Galicia acollerá o vindeiro venres, 28 de maio, unha nova actividade conmemorativa do 40 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia. Desta volta, as institucións estatutarias – Consello da Cultura Galega, Valedor do Pobo e Consello de Contas- serán as protagonistas dun evento titulado “Catro décadas de autogoberno. As institucións estatutarias de Galicia. Retos e oportunidades”.
 
Unha ollada comparativa con outras latitudes
 
A primeira mesa redonda , titulada “Consello da Cultura Galega. Unha experiencia comparada”, comezará ás 10,30 h.  Participarán nela Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega; Luís García Montero, director do Instituto Cervantes; e Ana Paula Laborinho, directora en Portugal da Organização dos Estados Ibero-americanos para a Educação, Ciência e Cultura.
 
A segunda mesa-redonda, “A institución do Valedor do Pobo. Defensa dos dereitos da cidadanía nunha sociedade en tránsito”, comezará ás 11,30 horas e contará coas  intervencións da valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño; o defensor do Pobo de Navarra, Francisco Javier Enériz Olaechea; e o profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Alcalá de Henares, Guillermo Escobar Roca, quen tamén é director dos Informes Anuais da Federación Iberoamericana do Ombudsman e do programa de apoio ás defensorías do pobo de Iberoamérica.
 
Xa no fío do mediodía, ás 12,30 horas, falarase sobre “Consello de Contas. Fiscalización do sector público. Novas competencias e novos retos”. Daranse cita o conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, José Antonio Redondo López; o presidente do Tribunal de Contas de Portugal, José F. F. Tavares; e o presidente da Sección de Fiscalización do Tribunal de Cuentas, Javier Medina Guijarro.
 
Emisión en directo a través da web do Parlamento
 
As actividades serán moderadas por xornalistas da Corporación Radio e Televisión de Galicia e poderán seguirse en directo a través da web do Parlamento de Galicia.
 
A xornada do vindeiro venres será  a terceira das actividades organizadas ata o de agora pola Cámara galega no marco da conmemoración das catro décadas do Estatuto de Autonomía.
 
A primeira tivo lugar o pasado 6 de abril -o mesmo día no que, en 1981, o Estatuto foi sancionado polo Rei- coa entrega da Medalla do Parlamento de Galicia á Xeración Nós, como recoñecemento pola súa condición de inspiradores da autonomía política e o espertar cultural da Galicia das últimas décadas.
 
Días despois, o 12 de abril, celebrouse unha xornada, inaugurada polo presidente do Tribunal Constitucional e clausurada polo presidente da Xunta de Galicia, na que reputados académicos das tres universidades e os directores dos principais xornais galegos compartiron reflexións en torno aos froitos e desafíos do texto estatutario desde 1981.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina