saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 28 de abril de 2021

4.1 10287 (11/PNP-001022)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 6 máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa resolución aprobada polo Parlamento Europeo respecto do aumento dos recursos pesqueiros no mar
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 96, do 17.02.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Parlamento Europeo e á DG Mare para amosar o seu rexeitamento á Resolución sobre un aumento dos recursos pesqueiros no mar, medidas para promover a recuperación das poboacións de peixes por riba do rendemento máximo sustentable (RMS), en particular zonas de recuperación de poboacións de peixes e zonas mariñas protexidas, de tal xeito que se reconsidere o seu contido, en favor do xusto equilibro entre a sustentabilidade ambiental e as dimensións económica e sociolaboral da actividade pesqueira”. 
 
4.4 12964 (11/PNP-001282)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Porro Martínez, María Corina e 13 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central respecto dos proxectos pendentes coa cidade de Vigo, así como sobre os textos legais e as medidas que a prexudican
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 118, do 31.03.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia, a solicitar ao Goberno de España que sitúe de novo os proxectos de Vigo entre as súas accións urxentes e poñer así solución a todas as carencias estruturais da cidade no que a competencias estatais se refire e rectificar aqueles textos legais e medidas que prexudican directamente á cidade, en concreto:
 
1. Reactivar todos os proxectos pendentes coa cidade de Vigo sobre infraestruturas viarias e ferroviarias, industria e abastecemento de auga:
a) Actuacións complementarias á ampliación da AP-9 en Chapela.
b) Integración urbana da AP-9 en Vigo.
c) Conexión da AP-9 co Ifevi.
d) Remodelación da Avenida de Madrid.
e) Soterramento da VG-20 en Navia.
f) Análise de elaboración do estudo de alternativas para solucionar os problemas estruturais do sistema de abastecemento da cidade e da área sur de Pontevedra, declarando esa actuación de Interese Xeral do Estado en Galicia.
g) Compromiso real co Corredor Atlántico, a conexión saída sur da cidade, o AVE Vigo-Porto e o AVE Ourense-Vigo por Cerdedo.
h) Conexión de Vigo á rede de transporte 220kv, incluíndoo na planificación de Rede Eléctrica de España para o período 2021- 2026.
i) Aposta por unha planta de baterías en Vigo.
 
2. Garantir a transferencia da AP-9 a Galicia, aplicar bonificacións e suprimir a peaxe de Redondela.
 
3. Garantir e concretar os apoios ao Xacobeo na cidade de Vigo. 

4. Executar o proxecto dunha biblioteca pública nacional respectando as dimensións iniciais.
 
5. Rectificar a Lei de Cambio Climático e a Lei de Pesca Sostible naqueles artigos que prexudican directamente a Vigo e a súa área”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina