saltar ao contido

Acordos da Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, celebrada o 6 de abril de 2021

A  Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 6 de abril de 2021, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 2133 (11/PNC-000208)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 2 máis
Sobre a demanda do Goberno galego ao Goberno central respecto da posibilidade de que os traballadores do mar poidan realizar a través do Instituto Social da Mariña ou das institucións que considere acaídas os cursos de mantemento da competencia dirixidos á renovación ou obtención do certificado de suficiencia
BOPG n.º 19, do 22.09.2020
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que demande do goberno do Estado que facilite, a través do Instituto Social da Mariña ou outras institucións que considere acaídas, a realización dos cursos de mantemento da competencia dirixidos á renovación ou obtención do certificado de suficiencia, garantindo así que se poidan cursar nun centro público e de xeito gratuíto e evitar que se deba acudir ás empresas privadas, o que xeraría un custo difícil de asumir para moitos traballadores e traballadoras do mar.
 
O Parlamento galego insta a Xunta a demandar do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que a Dirección Xeral da Mariña Mercante implemente a posibilidade da formación on line nos cursos de formación profesional, completando a parte teórica on line cunha parte práctica presencial.
 
A Xunta de Galicia creará una plataforma dixital a través da que facilitará o acceso á programación da formación non regrada dos seus centros de ensino."
 
- 12280 (11/PNC-001257)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 6 máis
Sobre as actuacións que se deben levar a cabo en relación coa nota explicativa remitida pola Dirección Xeral MARE ao Parlamento Europeo respecto da revisión do sistema de control da pesca da Unión Europea no contexto do Pacto Verde e a Estratexia de biodiversidade para 2030
BOPG n.º 112, do 17.03.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia ACORDA:
 
1. Manifestar o seu rexeitamento á nota explicativa remitida pola DG Mare ao Parlamento Europeo sobre a Revisión do sistema de control da pesca da UE no contexto do Pacto Verde e a Estratexia de Biodiversidade da UE para 2030.
 
2. Instar a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España a que leve a cabo as actuacións oportunas de rexeitamento a esa nota explicativa xa que atenta contra a imaxe e traballo do sector do mar e a de todas as persoas profesionais que nel traballan”.

- 12634 (11/PNC-001289)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio e Otero Rodríguez, Patricia
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co Salón Peña de Cambados, así como cos custos de mantemento das vías da súa titularidade e dos elementos existentes nelas
BOPG n.º 115, do 24.03.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
" O Parlamento de Galicia insta o goberno da Xunta de Galicia a:
 
1. Manter a situación do Salón Peña de Cambados en liña co funcionamento dos últimos tempos:
 
a) Acordando una nova concesión en termos equiparables á recentemente terminada e polo máximo tempo posible que permita o marco legal actual, sempre que o Concello faga a solicitude previa, e baixo o compromiso de cumprimento da legalidade vixente.
 
b) Facilitando o seu uso polo Concello de Cambados para a dinamización social coa realización de actividades e eventos de xeral interese para o municipio e a cidadanía.
 
2. Facilitar ao máximo posible a tramitación do procedemento para a reversión dos terreos portuarios de interacción porto-vila do Concello de Cambados."

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina