A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 22 de xaneiro de 2021, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 790 (11/PNC-000045)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pazos Couñago, José Alberto e trece deputados/as máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Ministerio de Fomento da cesión das taxas de faros e sinais marítimas para o sostemento da súa actuación en materia de salvamento marítimo
BOPG n.º 9, do 02.09.2020
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
«1. Demandar, para o sostemento da súa actuación en materia de salvamento marítimo, un apoio económico por parte do Ministerio de Fomento procedente das taxas recadadas que se destine ao financiamento das actividades realizadas pola Xunta que sexan análogas ás realizadas pola Administración Xeral do Estado neste eido.
2. Axustar a taxa de faros e sinais marítimas mediante a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia da parte proporcional da taxa aplicada á frota pesqueira galega.»
- 6223 (11/PNC-000749)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e seis deputados/as máis
Sobre a demanda que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central para evitar o impacto do Real decreto 968/2020 para a frota galega de artes menores e arrastre
BOPG n.º 63, do 16.12.2020
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 2 votos en contra e 3 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que proceda a revisar o Real Decreto 968/2020, do 10 de novembro, de cara a evitar un prexuízo á frota de artes menores e arrastre galega, tendo en conta a modificación substancial que esta norma pode traer sobre o esforzo pesqueiro realizado sobre o aproveitamento das cotas e sobre a estrutura de comercialización das especies que captura o rasco.»
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 4219 (11/PNC-000494)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Otero Rodríguez, Patricia e Torrado Quintela, Julio
Sobre o restablecemento polo Goberno galego do servizo de gardapeiraos nos portos de titularidade autonómica da Mariña lucense co número de profesionais asignados a cada un deles
BOPG n.º 40, do 04.11.2020
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que restitúa o Servizo de gardapeiraos con todos os profesionais que sobre o papel teñen asignados os portos da Mariña lucense de competencia autonómica.»