Santiago, 2 de outubro de 2020.- As persoas interesadas en visitar a “Mostra Bibliográfica de Ricardo Carvalho Calero”, aberta ao público no Parlamento de Galicia con libros e documentos do arquivo persoal do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano xa o poden solicitar na Cámara galega.
Para garantir o mantemento da distancia social e demais medidas de prevención da covid-19 durante a visita á exposición, o Parlamento de Galicia optou por xestionar as visitas mediante solicitude previa, que pode efectuarse por correo electrónico (
presidencia@parlamentodegalicia.gal) ou por teléfono (981 55 13 39 ou 981 55 13 80).
A mostra, inaugurada onte canda a presentación do libro Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e leccións, editado polo Parlamento, foi coordinada por Pilar García Negro, na súa condición de experta na figura do homenaxeado.
A exposición está integrada por medio cento de libros e máis dunha vintena de documentos entre os que se inclúen o carné de socio do Seminario de Estudos Galegos e dúas cartas de Otero Pedrayo, entre outro material pertencente ao arquivo de Carballo Calero, depositado no Parlamento de Galicia, desde 1997, xunto coa súa biblioteca.
As visitas á mostra –situada nun dos corredores do pazo do Hórreo e na sala Carballo Calero da Biblioteca do Parlamento- poderán efectuarse en grupos integrados por un máximo de 5 persoas (4 visitantes e guía).
Saúdos, Gabinete de Comunicación.