Santiago, 28 de xuño de 2019.- A Mesa do Parlamento de Galicia cualificou este venres o escrito no que o Grupo Mixto designa ao seu voceiro, trámite co que se constitúe formalmente o Grupo Mixto, ademais de abordar, de xeito preliminar, as restantes medidas a adoptar en relación con este asunto.
O presidente do Parlamento explicou que traballa co obxectivo de que a conformación do Grupo Mixto se faga cumprindo os trámites regulamentarios, por acordo unánime e evitando un incremento do gasto público.
A adopción dos acordos da Mesa en relación co funcionamento da Cámara producirase logo de escoitar a Xunta de Portavoces, polo que as decisións estarán condicionadas polo posicionamento dos grupos parlamentarios.
O presidente da Cámara trasladou aos restantes membros da Mesa unha proposta encamiñada a habilitar un espazo específico para o Grupo Mixto na planta baixa das dependencias que ata o de agora viña utilizando o Grupo de En Marea, seguindo criterios de proporcionalidade.
Os traballos necesarios para separar ese espazo desenvolveranse durante o verán e, ademais de procurar que teñan o menor custe posible, evitarase que afecten á estrutura do edificio e os seus usuarios.
Minimizar o impacto sobre as arcas públicas
Respecto ao réxime económico, Santalices explicou que está a traballar en diferentes escenarios, con dous condicionantes: respectar os dereitos regulamentarios do Grupo Mixto e procurar o menor impacto posible sobre as arcas públicas. O presidente da Cámara trasladará estas propostas á Mesa e Xunta de Portavoces coa intención de que a decisión definitiva sexa acordada por unanimidade.
Deste xeito, o Grupo Mixto comeza a súa incorporación progresiva á vida parlamentaria ao tempo que amplía dereitos a medida que avanza o tempo. Unha vez constituído, poderá rexistrar iniciativas que estarán en disposición de ser incorporadas a orde do días dos diferentes órganos unha vez transcorridos os prazos regulamentarios establecidos.
A Mesa e Xunta de Portavoces do vindeiro 2 de xullo poderá acordar, previsiblemente, a composición das comisións, a composición da Deputación Permanente e os cupos de iniciativas que lle correspondan ao Grupo Mixto.