saltar ao contido

Santalices agradece o premio “Celanova Casa dos Poetas” ao Parlamento e apunta que “será un estímulo para intensificar o traballo, dentro e fóra da Cámara”


 

Santiago, 17 de xuño de 2018.- O presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices Vieira, agradece ao Padroado da Fundación Curros Enríquez, a concesión do XXXIV Premio “Celanova Casa dos Poetas” ao Parlamento de Galicia en recoñecemento aos esforzos por achegar o Lexislativo á cidadanía.
 
Santalices amosa o seu agradecemento, “en nome propio e no de cantos formamos parte do Parlamento de Galicia” e afirma que este recoñecemento constitúe un “estímulo gratificante para intensificar o noso traballo, dentro e fóra da Cámara, ao servizo de Galicia”.
 
“O Premio `Celanova Casa dos Poetas´ -agrega Santalices Vieira- anímanos a manter a aposta por achegar o Parlamento á sociedade, mellorando a calidade do traballo parlamentario, animando a participación cidadá, explicando o que facemos no Pazo do Hórreo e tamén proxectando a institución máis aló da súa sede física”.
 
A concesión do XXXIV Premio “Celanova Casa dos Poetas” ao Parlamento de Galicia foi acordada este sábado polo padroado da Fundación Curros Enríquez nunha reunión celebrada na Casa dos Poetas de Celanova.
 
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina