A Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, na súa sesión do 28 de marzo de 2018, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 26865 (10/PNC-002072)
Grupo Parlamentario de En Marea
Rodríguez Estévez, David e Quinteiro Araújo, Paula
Sobre o aumento pola Xunta de Galicia ata 10.000 do número de alumnas e alumnos que van recibir charlas formativas de concienciación medioambiental, segundo o reflectido no punto 6.3.2 do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia
BOPG n.º 272, do 07.03.2018
Sométese a votación a transacción coa emenda do G.P. Popular de Galicia (doc. núm. 28511) e resulta aprobada pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar as charlas formativas de concienciación medioambiental xa previstas no punto 6.3.2 do Pladiga para que nun prazo razoable se acade o obxectivo de que as mesmas cheguen ao 100% dos rapaces antes de que rematen a ensinanza obrigatoria."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 20566 (10/PNC-001675)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Pérez Seco, José Manuel e 2 máis
Sobre o incremento polo Goberno galego dos programas formativos encamiñados a preparar axeitadamente os membros dos distintos colectivos do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, co fin de facer fronte ás novas tipoloxías do lume
BOPG n.º 219, do 29.11.2017
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a incrementar os programas formativos encamiñados a preparar adecuadamente aos membros dos distintos colectivos do servizo público de incendios para facerlle fronte ás novas tipoloxías do lume."