• A boa acollida desta iniciativa levou ao Parlamento e a Asociación de Ex Parlamentarios/as a estender as charlas a centros universitarios neste curso académico
Santiago, 25 de novembro de 2017.- A Escola Naval Militar de Marín acollerá o vindeiro mércores, 29 de novembro, unha charla divulgativa sobre o Parlamento de Galicia, enmarcada na estratexia da Cámara para dar a coñecer a institución entre diferentes colectivos.
O ciclo de charlas divulgativas sobre o Parlamento de Galicia xurdiu no ano 2011 e estaba dirixido inicialmente a estudantado de ESO e Bacharelato. A boa acollida desta iniciativa levou ao Parlamento e á Asociación de Ex Parlamentarios/as a estender a iniciativa neste curso a centros universitarios. A charla na Escola Naval Militar (mércores 29 de novembro ás 19,00h.) foi solicitada polo vicerreitor do Campus de Pontevedra e director da Cátedra Álvarez Osorio, Juan Manuel Corbacho Valencia.
A actividade será presentada polo comandante-director da Escola Naval Militar, CN José María Núñez Torrente, e polo responsable da Cátedra Álvarez Osorio. Participarán na charla o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que estará acompañado na tribuna de oradores polos ex deputados Jesús María Fernández Rosende (presidente da Asociación de Ex Parlamentarios/as), Xulio Pardellas de Blas (vogal da Asociación de Ex Parlamentarios/as) e Pablo Padín Sánchez (vogal da Asociación de Ex Parlamentarios/as).
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.