• O titular do Parlamento de Galicia presidiu o acto de entrega da XXIV Edición dos Premios de Publicidade en Galego, convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento e o Foro Enrique Peinador
• Recorda que a recuperación económica implica unha “etapa de crecemento” para a publicidade anima a anunciantes e creativos a utilizar a lingua galega
Santiago, 17 de novembro de 2017.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía o acto de entrega dos XXIV Premios de Publicidade en Galego, convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, o Lexislativo galego e o Foro Enrique Peinador, logo da disolución do Consello Asesor da RTVE-G que os viñera convocando ata o de agora.
Na categoría de televisión, o premio recaeu no traballo “Imposible sen ti”, da axencia Tex 45 Producións SLU, por encargo de Abanca Corporación Bancaria, SA.
O premio da categoría de radio foi para o anuncio “Medo a quedar sen datos”, da axencia Bap&Conde, para R Cable e Telecomunicacións Galicia, SA.
Na categoría Internet resultou galardoado o anuncio “A túa compra, os teus temazos”, da axencia Nasas, axencia creativa de márketing online, elaborado por encargo de Gadisa Retail, SLU.
O xurado declarou deserto o premio á categoría de prensa escrita porque o traballo presentado non se axustaba ás bases da convocatoria.
Cada un dos galardoados (empresa anunciante e axencia autora do traballo) recibiron un certificado acreditativo e unha peza de cerámica de Artesanía de Galicia, creada expresamente pola artista Susana González Amado, do taller Terrralume.
A peza, titulada “Acerto con Acento”, é unha alegoría da publicidade. Conta cunha base de círculos concéntricos que lembran os debuxos dos petroglifos galegos que, segundo a autora, constitúen un dos “anuncios” máis antigos de Galicia.
Complétase cunha G que representa o idioma galego e unha frecha que acerta nunha diana, simbolizando o éxito dunha acción publicitaria
O presidente do Parlamento destacou a singularidade destes premios, “xurdidos para animar –nunca para impoñer- ás empresas a dar o paso de galeguizar a publicidade e acreditar que, máis aló dunha aposta voluntarista, o galego é útil para incentivar o consumo”.
O galego como elemento de integración e enriquecemento
Recordou o titular do Lexislativo galego que “Galicia é dona dun tesouro cultural e identitario” sustentado sobre unha historia e unha lingua “das que nos sentimos orgullosos” e que, no caso do idioma, “temos o dereito e a obriga de coñecer e de usar, non como elemento de confrontación, senón de integración e de enriquecemento”.
Referiuse Santalices Vieira ás oportunidades que para Galicia ofrece o feito de pertencer ao mundo da lusofonía e apuntou que a intercomprensibilidade das linguas galega e portuguesa “encerra un enorme potencial que ninguén discute, do mesmo xeito que a oportunidade de utilizar o galego como lingua publicitaria está fóra de toda dúbida e mesmo pode constituír o segredo do éxito dunha campaña”.
Para o presidente do Parlamento, “a senda de recuperación e optimismo” económico deste momento implica unha etapa de crecemento para o mercado publicitario, un contexto no que animou a empresas anunciantes e equipos creativos a utilizar e recomendar o uso da lingua galega nas diferentes campaña que deseñen.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.