A Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 9 de novembro de 2017, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 16118 (10/PNC-001379)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez-Vispo Rodríguez, Marta María e 8 máis
Sobre a consolidación polo Goberno galego do Programa de atención farmacéutica nos centros sociosanitarios de Galicia mediante a elaboración dunha guía farmacoterapéutica común
BOPG n.º 178, do 20.09.2017
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 0 votos en contra e 4 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a consolidar o Programa de Atención Farmacéutica nos centros sociosanitarios en Galicia, mediante a elaboración dunha Guía Farmacoterapéutica común."
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 19113 (10/PNC-001540)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio e Blanco Rodríguez, Noela
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para a mellora da detección, diagnose e tratamento da síndrome de Behçet, así como as demandas que debe realizar ao Goberno central para garantir unhas mellores condicións laborais para as persoas afectadas
BOPG n.º 199, do 24.10.2017
Sométese a votación por puntos co resultado que se reflicte a seguir:
- Puntos 1, 2 e 3: aprobados pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
- Puntos 4, 5 e 6: rexeitados por 4 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.
O texto aprobado con modificacións respecto do texto
orixinal é o seguinte:
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
1. Dar seguimento e aplicación ás medidas e conclusións incluídas na moción presentada polo Grupo Socialista na Comisión de Sanidade e Servizos Sociais do Senado de España e aprobada por unanimidade.
2. Fomentar a formación e o acceso á información sobre a enfermidade de Behçet aos e ás profesionais do sistema público de saúde, co fin de mellorar a súa capacitación para detección e diagnose.
3. Establecer un protocolo de actuación para os casos que poidan ser detectados como posibles afectados da enfermidade de Behçet dentro do sistema público de saúde."