Santiago, 7 de novembro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reuniuse este mediodía con representantes das federacións galega e española de xadrez, que se atopan en Santiago nunha visita preparatoria do Campionato do Mundo de Xadrez, categorías promesas, benxamíns e alevíns, previsto para o vindeiro ano nesta cidade.
A delegación estaba integrada por Gaspar Pérez Carnero, presidente da Federación Galega de Xadrez (Fegaxa); Ramón Padullés Argerich, secretario da Federación Española de Xadrez (FEDA); e Francisco Javier Ochoa de Echagüen, presidente da Federación Española de Xadrez e Presidente da Confederación Iberoamericana de Xadrez. Acudiron acompañados polo deputado Julio Torrado Quintela.
Durante a reunión, o presidente do Parlamento interesouse polos preparativos do campionato que están a oganizar e congratulouse dos últimos éxitos dos xadrecistas galegos, entre os que recordou a Iván Salgado López, que recentemente resultou vencedor absoluto da 82 edición do Campionato de España de Xadrez celebrado en Las Palmas de Gran Canaria, victoria pola que Santalices lle trasladou os seus parabéns no seu momento.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.