saltar ao contido

Unha delegación do Parlamento de Ucraína visita o Lexislativo galego

 O presidente do Parlamento de Galicia explicoulles o funcionamento da Cámara galega e o seu Regulamento
 
Santiago, 2 de novembro de 2017.- Unha delegación da Rada Suprema de Ucraína visitou esta mañá a sede do Parlamento de Galicia, onde foron recibidos polo titular da institución, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañado pola secretaria da Mesa, Raquel Arias. A visita está organizada polo Consello de Europa e permitirá ás persoas que integran a delegación ucraína coñecer o funcionamento de diferentes institucións democráticas españolas.
 
Durante o encontro celebrado no despacho do presidente do Parlamento de Galicia, este explicoulles o funcionamento da Cámara galega e o Regulamento que rexe o traballo e os debates que se celebran na institución. Santalices fixo votos polo afianzamento das relacións entre España e Ucraína.
 
Forman parte da delegación ucraína, entre outras personalidades, Sergii Vlasenko, membro do Parlamento e xefe da Comisión de Creación do Estado, Política Rexional e Autonomía Local (xefe da delegación), Oleksii Goncharenko, membro do Parlamento de Ucraína e secretario del Comité;   Viacheslav Nehoda, primeiro viceministro de Desenvolvemento Rexional, Construción e Economía Municipal; e Kostiantyn Vashchenko, xefe da Axencia Nacional de Ucraína sobre a función pública.
 
Logo da reunión informativa, a delegación ucraína efectuou unha visita guiada ao Pazo do Hórreo, onde o presidente do Parlamento lles amosou as diferentes instalacións que acollen o traballo cotiá da Cámara.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina