Rojo Noguera continúa a rolda de reunións con diferentes entidades e institucións de Galicia para propiciar a interlocución e un maior coñecemento mutuo
Santiago, 30 de novembro de 2010- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, reuniuse este mediodía cos integrantes do Consello Consultivo de Galicia nun encontro ao que tamén se sumaron membros da Mesa da Cámara e os portavoces dos tres grupos parlamentarios.
Esta xuntanza insírese na rolda de encontros que Pilar Rojo está a organizar na sede do lexislativo autonómico no marco da política de portas abertas que desenvolve para incrementar a proxección social da institución, pero tamén para propiciar a interlocución entre os diferentes colectivos e institucións e a Cámara lexislativa e favorecer un maior coñecemento mutuo.
Asistentes
No encontro de hoxe participaron a presidenta do Consello Consultivo de Galicia, Mª Teresa Conde Pumpido; o conselleiro nato Emilio Pérez Touriño; e os conselleiros Javier D'Amorín Viéitez, J. Gonzalo de la Huerga Fidalgo e José Luis Costa Pillado
Ademais de pola presidenta da Cámara, o Parlamento de Galicia estivo representado polo vicepresidente primeiro, José Manuel Baltar Blanco; o vicepresidente segundo, Ricardo Varela; e o vicesecretario, Anxo Quintana González.
Tamén asistiron os portavoces dos grupos parlamentarios do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas; do PSdeG-PSOE, Xaquín Fernández Leiceaga; e do BNG, Carlos Aymerich Cano.
Órgano consultivo de carácter técnico xurídico
O Consello Consultivo de Galicia é un órgano consultivo, de carácter técnico xurídico, creado pola Lei 9/1995, do 10 de novembro, de Galicia, que está ao servizo das administracións públicas da Comunidade Autónoma, e que, ao igual que outros órganos semellantes existentes no noso país -Consejo de Estado ou consellos consultivos autonómicos-, ten como fin último velar pola legalidade dos actos e as disposicións administrativas e, en xeral, pola observancia da Constitución, do Estatuto de Autonomía de Galicia e do resto do ordenamento xurídico.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.