saltar ao contido

Persoas usuarias do Centro de Atención Diurna Terapéutica da Asociación Sarela visitan o Parlamento de Galicia

• Foron recibidos polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, coincidindo coa celebración do Día  do Dano Cerebral Adquirido
 
Santiago, 26 de outubro de 2016.- Un grupo de persoas usuarias do Centro de Atención Diurna Terapéutica da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela visitaron esta mañá o Parlamento de Galicia, onde foron recibidas polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
Ademais do encontro co presidente da Cámara, os participantes nesta actividade tiveron ocasión de coñecer a sede do Parlamento de Galicia, no marco do programa de visitas guiadas á institución.
 
Durante o encontro, o presidente do Parlamento interesouse polas diferentes actividades que promove a Asociación Sarela, que centra os seus esforzos en mellorar a calidade de vida das persoas  con dano cerebral adquirido e as súas familias.
 
“Pasos importantes”
 
Santalices Vieira explicou que a visita ten lugar coincidindo coa celebración do Día do Dano Cerebral Adquirido, que en Galicia está causado polo ictus en arredor do 72% dos casos. Apuntou, neste sentido, que na Comunidade Autónoma  se teñen dado pasos importantes coa creación da Unidade de Ictus no Hospital Clínico de Santiago, “toda unha referencia”. Expresou tamén a súa satisfacción pola implantación, coincidindo coa posta en marcha do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, doutra unidade de ictus nese complexo, que “poderá facer traballos, ao mellor, en coordinación tamén coa provincia de Ourense para abordar esta patoloxía”.
 
O presidente do Parlamento valorou tamén o traballo que desenvolve a Asociación Sarela a favor das persoas con dano cerebral. Ao tempo, as persoas que participaron na visita pediron a Santalices Vieira que se manteña a preocupación polos pacientes afectados por dano cerebral, así como a prevención do mesmo. “Díxenlles que, como médico e como persoa interesada nestes temas, trasladarei” as súas demandas ao conselleiro de Sanidade en funcións que, en opinión de Santalices, presenta unha “boa diposición” respecto a estas cuestións.
 
A visita da Asociación Sarela ao Parlamento de Galicia tivo lugar coincidindo coa celebración do Día do Dano Cerebral adquirido (26 de outubro) e co próximo Día do Ictus (29 de outubro). A cidade de Santiago acolle tamén durante a xornada de hoxe outras actividades organizadas pola Asociación Sarela encamiñadas a visualizar a realidade das persoas afectadas por dano cerebral adquirido.
 
 
 
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina