• Logo deste trámite, as catro preguntas admitidas a trámite pola Mesa da Cámara serán publicadas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, abríndose un prazo de quince días para que os deputados ou deputadas as podan asumir
Santiago, 6 de xuño de 2016.- A Mesa do Parlamento de Galicia cualificou e admitiu a trámite, esta tarde, as catro primeiras iniciativas de participación popular no control ao Goberno, unha das novas posibilidades de participación contempladas na Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá.
Unha vez admitidas a trámite, estas catro preguntas de iniciativa cidadá, serán publicadas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia. Ao día seguinte da súa publicación, e durante un prazo de quince días, as deputadas e deputados da Cámara poderán asumir esas preguntas como propias para convertelas en preguntas dirixidas á Xunta de Galicia, con resposta oral ou escrita, mencionando a súa orixe, aínda que preservando a identidade da persoa ou persoas asinantes, cando se trate de persoas físicas, segundo especifica a lei. De seren varios os deputados ou as deputadas que manifesten a asunción, a pregunta será asignada ao primeiro que a solicite.
As catro preguntas admitidas hoxe a trámite pola Mesa do Parlamento foron presentadas pola Asociación Animalista Libera e versan sobre o comercio ilegal de animais, e emprego de animais en ensaios, os cans encadeados en Galicia e a práctica de touradas.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.