saltar ao contido

Santalices defende un Parlamento que lexisle para “resolver problemas, non para crealos” e dí que os deputados deben “escoitar á xente"

 
• O presidente do Parlamento de Galicia foi hoxe o convidado, nunha conferencia-almorzo organizada  en Santiago  por Forum Europa-Tribuna Galicia, na que foi presentado polo presidente da Xunta
 
• Anima aos integrantes da Cámara a “incrementar o noso contacto coa xente”
 
• Anuncia que o Parlamento traballa nun portal xurídico galego que ofrecerá todo o dereito propio de Galicia
 
• Reitera o seu compromiso galeguista e defende a política como unha actividade “nobre e de servizo á sociedade”
 
• Pon en valor o paquete lexislativo de impulso democrático aprobado polo Parlamento de Galicia, medidas que foron pioneiras no conxunto de España
 
• Destaca a reforma do Regulamento da Cámara, e os portais de transparencia e participación cidadá do Parlamento para reforzar a apertura da institución á sociedade

Santiago, 13 de maio de 2016.- “Escoitar á xente” e “lexislar para resolver os problemas; non para crealos” constitúen  “a esencia do traballo, o fundamento do parlamentarismo”, segundo explicou esta mañá o titular da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices Vieira, nunha conferencia pronunciada en Santiago no Fórum Europa-Tribuna Galicia, na que foi presentado polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
 
Nunha intervención na que reafirmou o seu compromiso galeguista, Santalices Vieira defendeu a política como unha actividade “nobre e de servizo á sociedade”.
 
Insistiu na necesidade de continuar apostando pola apertura do Parlamento, “a casa común da cidadanía”, e do conxunto das institucións, á sociedade, e nese obxectivo enmarcou a reforma do Regulamento da Cámara aprobada o pasado verán.
 
Desta reforma, Santalices destacou que amplía os períodos de sesións, que obriga a facer públicas as declaracións de actividades e bens dos deputados e deputadas, a creación do portal de transparencia, a axilización da tramitación de iniciativas, a garantía de celebración do Debate sobre o Estado da Autonomía e o control á Presidencia da Xunta en cada Pleno, a fixación automática dunha comisión de investigación e a comparecencia dos responsables dos entes instrumentais na tramitación parlamentaria do proxecto de lei de orzamentos.
 
Impulso democrático
 
Na mesma liña, o presidente do Parlamento referiuse ás principais novidades derivadas da aprobación do paquete lexislativo  de impulso democrático aprobado pola Cámara galega, un conxunto de cinco leis orientadas a previr a corrupción e superar o descrédito das institucións, medidas que foron pioneiras no conxunto dos lexislativos do Estado.
 
Recordou Santalices a reforma do Consello de Contas de Galicia para reforzar as súas competencias en materia de prevención da corrupción e profesionalizar a súa composición; a reforma do Valedor do Pobo, eliminando os tres vicevaledores e potenciando o papel da institución con funcións orientadas a garantir a transparencia e o acceso á información; a ampliación da participación cidadá; a lexislación sobre o financiamento das formacións políticas; a nova lei sobre transparencia e bo goberno, unha das máis avanzadas e esixentes de España; así como a norma sobre sobre ordenación da asistencia xurídica da Administración Xeral da CCAA, que evita que as persoas que actuaran en contra do interese xeral podan ser defendidas con recursos públicos.
 
Transparencia e participación cidadá no Parlamento
 
No ámbito estritamente parlamentario, a entrada en vigor destas leis implicou a posta en marcha dun novidoso portal de transparencia, que sitúa ao Lexislativo galego entre os máis transparentes de España.
 
Habilitouse tamén un espazo web que permite aos cidadáns participar no control ao Goberno enviando propostas de preguntas que poderán ser asumidas por un grupo parlamentario; exercer o dereito de petición perante o Parlamento; e participar na tramitación parlamentaria das leis (Lexisla con Nós).
 
Ademais, a lei de participación cidadá reduce o número de sinaturas necesarias para  impulsar unha proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (redúcense de 15.000 a 10.000, convertendo a Galicia nunha das CCAA nas que máis doado resulta  impulsar propostas deste tipo); e establece a posibilidade de que que os cidadáns (con 2.500 sinaturas) podan impulsar a acción de Goberno a través de proposicións non de lei, co que o Parlamento de Galicia se converteu no único que permite esta posibilidade.
 
Incrementar a presenza dos deputados entre a xente
 
O titular da Cámara galega valorou tamén a intensidade do traballo que se desenvolve no Pazo do Hórreo, ata o punto de que é “o Parlamento que máis traballa de España”.
Con todo, Santalices insistiu en que o deputado non é un empregado do Parlamento. Insistiu en que unha das principais funcións dun deputado é a de “escoitar”, polo que animou aos integrantes da Cámara a “incrementar o noso contacto coa xente”.
 
Reivindicou tamén a función “insubstituíble” das deputadas e deputados nunha sociedade democrática, ao tempo que puxo en valor o papel dos grupos parlamentarios e dos seus portavoces.
 
O Parlamento, espazo de consenso
 
O presidente do Parlamento defendeu a Cámara como espazo de consenso e recordou que  arredor do 50% das proposicións non de lei aprobadas en Comisión incluíron modificacións previas, froito do acordo.
 
Aínda que confesou ter sido un “deputado vehemente” o presidente do Parlamento indicou que a contundencia parlamentaria é compatible co respecto. Defendeu tamén os mecanismos previstos nos Regulamento para garantir ese respecto e apuntou que “non dubidarei en aplicalos” cando sexa necesario.
 
Un Parlamento eficiente
 
Apuntou tamén que o Parlamento de Galicia é unha Cámara eficiente, e puxo como exemplo que o custe medio por deputado galego  (resultado de dividir o orzamento anual da Cámara entre o número de deputados) ascende a 222.000 euros, cifra que se duplica no País Vasco, ata acadar os 442.000 euros, nunha Cámara co mesmo número de escanos. A maiores, apuntou que o Parlamento de Galicia conta co réxime de incompatibilidades máis estrito de España para os deputados acollidos ao réxime de dedicación exclusiva.
 
Portal xurídico galego
 
Canto aos proxectos en marcha, Santalices Vieira adiantou que o Parlamento de Galicia está a desenvolver un portal xurídico que ofrecerá unha extensa base de datos de lexislación galega consolidada e comentada, desde a preautonomía á actualidade, e que se presentará proximamente.

Otero Pedraio, pai do galeguismo e fonte de inspiración
 
O presidente da Cámara rematou a súa intervención recordando  a Ramón Otero Pedrayo, “un dos pais do galeguismo e sempre fonte de inspiración para nós”.
 
Santalices recordou un texto no que Otero Pedraio animaba a que “diante de calquera perigo, lonxe de eludir compromisos, traballemos enroitados polo ideal da galeguidade”.
 

Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina