saltar ao contido

A presidenta do Parlamento visita o Colexio Santiago Apóstol, o Centro Galicia e a Delegación da Xunta en Buenos Aires


 
* O luns visitou tamén a Federación de Asociacións Galegas

Buenos Aires, 7 de abril de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, visitou este martes en Buenos Aires o Colexio Santiago Apóstol e o Centro Galicia de Buenos Aires, dentro da rolda de visitas institucionais á colectividade galega da capital arxentina.
 
No Colexio Santiago Apóstol, Pilar Rojo tivo ocasión de coñecer as instalacións e o labor educativo deste centro. Asinou no libro de ouro e fixo entrega dun lote de libros para a biblioteca do Colexio.
 
Durante a visita ao Centro Galicia, Pilar Rojo tamén asinou no libro de ouro da institución, á que definiu como “faro de galeguidade e exemplo de traballo a prol da Galicia universal”. A presidenta do Parlamento deixou tamén constancia do agradecemento do Lexislativo galego pola axuda e colaboración recibida para poder amosar en Buenos Aires a exposición “53 páxinas das nosas letras”, inaugurada onte nas dependencias do Centro Galicia. Agradeceu poder levar a exposición á capital arxentina, ofrecendo deste xeito a oportunidade de coñecela  a moitos dos galegos que “viven lonxe da terra nai, pero que tan cerca están de todos nós”.
 
A axenda institucional da presidenta do Parlamento desta mañá completouse cunha visita á Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires, as instalacións da cal lle foron amosadas polo delegado, Alejandro López Dobarro.
 
Onte luns, Pilar Rojo visitou tamén a sede da Federación de Asociacións Galegas, e o Museo da Emigración, pertencente a esta entidade.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina