saltar ao contido

Pilar Rojo participa este xoves en Bruxelas nunha reunión do presidente da Comisión Europea cos responsables das principais organizacións rexionais europeas

 

• O Parlamento de Galicia promociona a lingua e a literatura galegas en Bruxelas levando a mostra “51 páxinas das nosas letras” á sede do Comité das Rexións

 

 


Santiago, 17 de setembro de 2014.- A Presidenta do Parlamento de Galicia, na súa condición de presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) participará mañá xoves en Bruxelas nun encontro convocado polo presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso,  e o presidente do Comité das Rexións, Michel Lebrun, cos presidentes das principais asociacións rexionais europeas.

 

O encontro, un xantar de traballo na sede da Comisión Europea, permitirá avanzar no intercambio de experiencias entre as diferentes organizacións de carácter rexional e local que operan no ámbito europeo, como CALRE, ARE, ARFE, CRPM, CERM, EUROCITIES ou REGLEC.

 

Exposición

 

Tamén este xoves, pola tarde, terá lugar na sede do Comité das Rexións o acto inaugural da exposición “51 páxinas das nosas letras” unha mostra itinerante organizada polo Parlamento de Galicia, coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega, para promocionar e poñer en valor as figuras dos escritores homenaxeados durante os primeiros 50 anos de celebración do Día das Letras Galegas, que se ven celebrando ininterrompidamente desde 1953 por iniciativa de Francisco Fernández del Riego.

 

A decisión de trasladar esta mostra a Bruxelas obedece a unha dobre razón: o interese da cámara galega en promocionar a lingua e a cultura galega na capital comunitaria e, por extensión, entre o colectivo cosmopolita que reside nesa cidade; e por coincidir co ano no que o Parlamento de Galicia ostenta a Presidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE).

 

A organización desta mostra en Bruxelas conta coa colaboración adicional do Comité das Rexións e da Fundación Galicia-Europa.

 

 


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina