saltar ao contido

Pilar Rojo: “Castelao aglutinou arredor de si un pobo, Galicia, que o converteu nun símbolo”

 
• O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía un acto institucional conmemorativo do 70 aniversario da publicación de Sempre en Galiza e do 30 aniversario do retorno dos restos de Castelao a Galicia
 
• Castelao, “coma moitos dos nosos devanceiros da Xeración Nós ou das Irmandades da Fala, arelaba unha terra dona de seu, cunhas institucións de autogoberno que puidesen elaborar leis na nosa propia lingua”, subliña a titular do Lexislativo galego
 
Santiago, 4 de xullo de 2014.- “Sen dúbida, Castelao, o irmán Daniel, como lle chamada agarimosamente Otero Pedrayo, o debuxante, pintor, caricaturista, xornalista, ensaísta, conferenciante, escritor, crítico, novelista, viaxeiro, investigador, pensador, desterrado, exiliado e político, foi un deses sinais diferenciadores que aglutinou arredor de si un pobo, Galicia, que o converteu nun símbolo”, afirmou este mediodía a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera. 
 
A intervención de Rojo Noguera tivo lugar nun acto celebrado na Cámara galega para conmemorar o 70 aniversario da publicación de Sempre en Galiza, obra clave de Alfonso R. Castelao, e os 30 anos do retorno dos restos do autor a Galicia desde o cemiterio da Chacarita, en Bos Aires, ao Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval.
 
A xuízo de Pilar Rojo, Castelao, “coma moitos dos nosos devanceiros da Xeración Nós ou das Irmandades da Fala, arelaba unha terra dona de seu, cunhas institucións de autogoberno que puidesen elaborar leis na nosa propia lingua. E coma moitos dos homes daquel tempo, crendo, esperando e amando, afanouse sen acougo na reconstrución do seu País”.
 
“Castelao -apuntou a titular do lexislativo galego- identificouse moral e sentimentalmente co seu pobo, e con penetrante ollo crítico fura nos homes e nas cousas. Castelao convértese en patrimonio común do pobo galego. No pobo tiña a súa raigaña nutricia e ao pobo pertencerá para sempre e por enteiro”.
 
En opinión da titular do lexislativo galego , o “Castelao deputado galeguista independente para as Cortes Constituíntes da II República, defensor e redactor do primeiro Estatuto de Galicia, estaría satisfeito do desenvolvemento estatutario que ao amparo da Constitución de 1978 acadamos. Como dicía en Alba de Groria, novos tempos requiren novos sistemas de estruturas”.
 
Agradecemento ao Consello da Cultura e á Fundación Castelao
 
Rojo Noguera sinalou que o Parlamento de Galicia, “lugar de encontro, lugar dos diálogos, lugar das palabras, séntese moi honrado por acoller esta celebración”, pola que felicitou e agradeceu o traballo do Consello da Cultura Galega e da Fundación Castelao.
 
Á intervención da presidenta do Parlamento de Galicia seguiron senllos discursos dos presidentes da Fundación Castelao, Carlos Mella, e do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.
 
O acto, celebrado no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia, contou coas intervencións dos profesores Ramón Máiz, Henrique Monteagudo e Justo Beramendi, que analizaron o contexto e o significado do Sempre en Galiza, obra da que a Cámara galega patrocinou unha edición crítica en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, en 1992. A homenaxe incorporou a lectura de extractos de Sempre en Galiza a cargo de persoeiros propostos polo Consello da Cultura Galega e pola Fundación Castelao, e a proxección dun vídeo  con imaxes de Alfonso R. Castelao. A xornalista María Solar presentou o acto; o acompañamento musical correu a cargo do grupo InVento.
 
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, clausurou o acto.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina