saltar ao contido

Pilar Rojo inaugura as VII Xornadas da Asociación Española de Interventores de Parlamentos


• A presidenta da Cámara salienta a importancia  destes órganos de control para a actividade parlamentaria e lembra que “no Parlamento de Galicia non hai espazo para a arbitrariedade nin para a improvisación en materia de execución presupostaria”
 
• “O interventor debe exercer a súa función con plena autonomía e independencia”, afirma Pilar Rojo
 
Santiago, 22 de maio de 2014- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá a inauguración das VII Xornadas da Asociación Española de Interventores de Parlamentos, nas que durante hoxe e mañá participan representantes das cámaras lexislativas autonómicas e das Cortes Xerais.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, expresou no acto de inauguración a satisfacción da institución por acoller estas xornadas e a necesidade de potenciar e facer visibles as funcións destes organos, figuras esenciais en calquera institución, e que “constitúen un alicerce esencial na xestión das Cámaras lexislativas”.
 
Referíndose ao ámbito parlamentario, Rojo Noguera  indicou que, ao seu parecer, para que o control interno poida cumprir a súa misión debe estar regulado, “xa que o procedemento financeiro de execución do gasto público non pode nin debe improvisarse por actos singulares da Mesa do Parlamento”. A maiores, o Parlamento de Galicia conta cun Regulamento Presupostario e Contable. “No Parlamento de Galicia –agregou Pilar Rojo- non hai espazo para a arbitrariedade nin para a improvisación en materia de execución presupostaria”.
 
A maiores,  “o titular do órgano de control interno debe ser un profesional do control”, como sucede en todas as administracións públicas españolas, nas que estas funcións son exercidas por funcionarios pertencentes a corpos e escalas de interventores ou corpos habilitados para elo, “e non existe razón algunha para que este criterio non se siga tamén no ámbito parlamentario”.
 
E como terceiro criterio para un correcto funcionamento do control interno, Rojo Noguera apuntou a necesidade de que este órgano goce de independencia. “O interventor debe exercer a súa función con plena autonomía e independencia funcional respecto dos titulares dos órganos cuia xestión controle”, apuntou.
 
Visualizar que se xestiona con rigor
 
A presidenta tamén salientou a importancia das xornadas inauguradas hoxe por permitir o intercambio de experiencias entre os asistentes e axudar a “a visualizar ante os cidadáns que os recursos públicos xestiónanse con rigor”, mediante un “procedemento perfectamente regrado, blindado fronte  a arbitrariedades e sometido a un dobre control, interno e externo, profesionalizado e independente”.
 
Así mesmo, Pilar Rojo reinvindicou “a profesionalidade e bo facer dos funcionarios que integran a Dirección de Intervención e Asuntos Económicos do Parlamento de Galicia”.

Programa das xornadas
 
As xornadas, coordinadas polo director da Intervención Xeral e Asuntos Económicos do Parlamento de Galicia, José María Ameijenda, desenvólvense no Pazo do Hórreo durante este xoves e mañá venres.
 
Na xornada de hoxe están previstas dúas conferencias. A primeira, pronunciada por Antonio López Díaz, catedrático de Dereito Financeiro da Universidade de Santiago de Compostela, versa  sobre “A autonomía financeira dos Parlamentos Autonómicos”. A segunda analiza “A aplicación da Lei de Transparencia aos Parlamentos Autonómicos” e corre a cargo de Dolores Llop Rivalta, interventora das Cortes de Aragón.
 
O venres celebrarase a Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación Española de Interventores de Parlamentos e o acto de clausura.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina