saltar ao contido

O xurado encargado de seleccionar os gañadores do Concurso Escolar do Parlamento celebra a súa derradeira reunión

 
• Os premios serán entregados a comezos de maio
 
Santiago, 7 de abril de 2014.- O xurado encargado de seleccionar os gañadores da cuarta edición do Concurso Escolar  do Parlamento de Galicia celebrou este luns a súa derradeira reunión, como paso previo á divulgación do seu fallo. Os premios serán entregados nun acto que se celebrará no Parlamento de Galicia a comezos do vindeiro mes de maio.
 
O lema desta edición é “O Parlamento de Galicia contigo e polos teus dereitos”.  Ao igual que nas anteriores edicións, o concurso estrutúrase en tres modalidades, axustadas ás destrezas de cada grupo de participantes. A primeira delas, denominada “Imaxina a pintura” está orientada aos nenos de  educación infantil, de  1º, 2º e 3º de educación primaria e de educación especial.
 
Os alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º de secundaria poden participar na modalidade “Escribe o teu conto”, mentres que os alumnos de 3º e 4º de educación secundaria poden competir na modalidade “Exprésate”. Esta última é de expresión libre e permite concursar con calquera tipo de expresión creativa, como vídeo, fotografía, spot publicitario ou calquera outro relacionado coas tecnoloxías da información.
 
Traballos colectivos
 
Todos os traballos admitidos neste concurso son de elaboración colectiva, e deben estar feitos por entre dous e cinco alumnas e alumnos. Cada clase só pode presentar un traballo e cada colexio un máximo de cinco orixinais por modalidade. A selección foi efectuada no propio centro.

Achegar o Parlamento aos máis novos
 
O concurso escolar enmárcase na estratexia encamiñada a achegar o Parlamento de Galicia aos máis novos e forma  parte dunha aposta máis ampla que inclúe outras accións como os plenos infantís, as charlas-coloquio de exdeputados en centros de secundaria, o programa de visitas guiadas ao Parlamento, a edición de material bibliográfico dirixido aos escolares e, máis recentemente, a exposición “51 páxinas das letras galegas”, inaugurada en decembro pasado e que está a percorrer diferentes puntos da xeografía galega.
 
Composición
 
A composición do xurado do Concurso Escolar do Parlamento de Galicia é a seguinte:
 
-  Miguel Santalices Vieira, Vicepresidente 1º do Parlamento de Galicia. Preside o xurado.

-  María Concepción Burgo López, Vicesecretaria do Parlamento de Galicia.

-  María Soledad Piñeiro Martínez, presidenta da Comisión 4ª, Educación e Cultura, en representación da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera.

 
-  Vicente Docasar Docasar, deputado do Grupo Socialista, en representación de María Soledad Soneira Soneira Tajes, Vicepresidenta 2º do Parlamento de Galicia.

 
-  Moisés Blanco Paradelo, deputado do Grupo Popular, en representación de José Manuel Balseiro Orol, Secretario da Mesa do Parlamento.

 
-  Xosé Manuel Rosales Noves, profesor designado polo Parlamento de Galicia.
 
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina