Unha unidade móbil do CTG desprazarase mañá ata a Cámara lexislativa para atender aos deputados e deputadas e ao persoal que desexe doar dende as 09,30 ás 14,30 horas
Santiago, 7 de abril de 2014.- O Parlamento de Galicia acollerá maña, martes, unha nova campaña de doazón de sangue promovida dende o Centro de Transfusión de Galicia (CTG), co obxectivo de fomentar este xesto solidario e incentivar a participación de todos os deputados e deputadas, así como de todos os traballadores e traballadoras do Parlamento.
A unidade móbil do CTG, que estará ubicada na entrada principal do Parlamento de Galicia, atenderá aos doadores das 09.30 ás 14,30 horas.
Empresas e organismos públicos
No pasado 2013, rexistráronse en Galicia 114.126 doazóns de sangue, das que, aproximadamente, o 8% correspóndense con doazóns recollidas en campañas realizadas en empresas e organismos públicos.
O principal obxectivo desta campaña de doazón, que achega a unidade móbil do CTG ata o Parlamento de Galicia, é convertelo nun novo punto de referencia para o desenvolvemento periódico de campañas de doazón de sangue, xa que nas seis visitas anteriores ata a Cámara galega, acadáronse un total de 139 doazóns de sangue, das cales o 27% (37 doazóns) correspondíanse con doadores de primeira vez.
Esta campaña de doazón enmárcase dentro do programa de captación de doadores en empresas e organismos públicos que está a desenvolver a Consellería de Sanidade, por medio do Centro de Transfusión de Galicia, conscientes da importancia da participación deste colectivo.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.