• A presidenta da Cámara, Pilar Rojo, subliña o espírito de consenso do homenaxeado, “aberto ao diálogo e disposto a prestixiar o autogoberno e a esta Cámara nun tempo no que todo ou case todo estaba por facer”
• Anima a “impregnarnos” do espírito de Ceferino Díaz no Parlamento actual, “para comprender que, aos sermos
elixidos, recibimos tamén un mandato de concordia”
Santiago, 11 de novembro de 2013.- O Parlamento de Galicia acolleu esta tarde o acto de entrega da Medalla de Ouro de Galicia, a título póstumo, ao exdeputado Ceferino Díaz Díaz. A medalla foi entregada a unha das fillas do homenaxeado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun acto no que se deron cita numerosas personalidades, amigos e compañeiros de Ceferino Díaz.
A presidenta da Cámara, Pilar Rojo, agradeceu a elección da sede do lexislativo galego para facer entrega desta distinción e considerou que “poucos lugares resultan máis acaídos que o Parlamento de Galicia para acoller este acto”, xa que Ceferino Díaz foi deputado autonómico nas catro primeiras lexislaturas, entre 1981 e 1997.
Prestixiar o autogoberno e o Parlamento
Do homenaxeado, a titular do Lexislativo galego destacou o seu espírito de consenso, “aberto ao diálogo, e disposto a prestixiar o autogoberno e a esta Cámara nun tempo no que todo ou case todo estaba por facer”.
Mandato de concordia
Reflexionando sobre o momento actual, Pilar Rojo considerou que sería bo “impregnarnos” do espírito de Ceferino Díaz no Parlamento “para aprender a ollarnos como adversarios políticos, nunca como inimigos; para aprender que sempre hai espazo para o entendemento; para interiorizar que, por riba de todo, nos debemos aos cidadáns; e para comprender que, ao sermos elixidos, recibimos tamén un mandato de concordia”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.