A presidenta do Parlamento de Galicia participou, en Rianxo, nun acto de promoción deste itinerario marítimo-fluvial, que contou coa asistencia dos responsables da Ruta Quetzal
• Sumouse á homenaxe rendida hoxe ao fundador e primeiro presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, José Luis Sánchez Agustino, o “artífice do recoñecemento e a proxección da que hoxe goza a ruta marítimo fluvial de Arousa e Ulla”
Santiago, 23 de xullo de 2010.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, reivindicou hoxe o protagonismo da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, “sen a cal non se podería explicar a existencia de calquera outro dos camiños de Santiago que, desde hai séculos, conducen cara Compostela a millóns de peregrinos”.
Nun acto organizado en Rianxo para dar a saída a unha nova edición do remonte desta Ruta Xacobea, a titular da Cámara lexislativa galega valorou tamén o papel desenvolvido polos peregrinos ao longo da historia. “Contribuiron a estender culturas, intercambiar coñecementos, sementar valores e forxar o espírito europeo do que hoxe todos estamos imbuídos”, dixo.
Con independencia do motivo que anime a peregrinación, Rojo Noguera amosouse convencida de que “cantos percorren o Camiño de Santiago rematan a Ruta renovados e cunha pegada indeleble para o resto das súas vidas”.
No acto participaron tamén os organizadores da Ruta Quetzal, que este ano visita Galicia.
Homenaxe ao promotor da Ruta Xacobea de Arousa e Ulla
A presidenta do Parlamento de Galicia sumouse tamén á homenaxe rendida hoxe ao fundador e primeiro presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, José Luis Sánchez Agustino, por ter sido o “artífice do recoñecemento e a proxección da que hoxe goza a ruta marítimo fluvial de Arousa e Ulla”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación