saltar ao contido

O Parlamento colaborará coas universidades galegas financiando bolsas de estudo e investigación, actividades docentes e formación práctica na Cámara

Pilar Rojo Noguera asinou cos rectores de Santiago, Coruña e Vigo un protocolo  xeral de colaboración que se desenvolverá a través de convenios específicos para cada actividade
O Parlamento colaborará coas universidades galegas financiando bolsas de estudo e investigación, actividades docentes e formación práctica na Cámara
• Pilar Rojo quere implicar á comunidade universitaria na realización de estudos e traballos de carácter archivístico, bibliotecario e documental relacionados co Parlamento, entre outras medidas a curto e medio prazo
Santiago, 7 de maio de 2010.- O Parlamento de Galicia colaborará coas tres universidades públicas da Comunidade Autónoma, fundamentalmente para desenvolver actividades formativas, pero tamén doutro tipo, e que podan ser de interese parlamentario, segundo se desprende dun protocolo xeral de colaboración asinado hoxe na sede do lexislativo galego pola titular da Cámara, Pilar Rojo, e os rectores das universidades de Santiago de Compostela, Senén Barro; da Coruña, José María Barja; e de Vigo, Alberto Gago.
O documento rubricado hoxe avanza diferentes liñas de colaboración, que poderán contar con financiamento da Cámara galega: programas de bolsas para a realización de estudos de posgrao, teses, traballos de investigación e outras actividades que podan ter interese parlamentario, así como becas de formación práctica para estudantes, diplomados e licenciados universitarios galegos na propia sede do Parlamento de Galicia.
O documento asinado hoxe no despacho da Presidencia do Parlamento deberá desenvolverse a través de convenios específicos nos que se plasmen os detalles concretos de cada unha das diferentes iniciativas de colaboración que se vaian a executar con cada unha das universidades.
Ademais das grandes liñas de colaboración xa apuntadas, Parlamento e universidades galegas tamén poderán acometer  proxectos relacionados coa investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, actividades de proteccion, conservación e difusión do patrimonio histórico e documental de Galicia, promoción da integración europea, ou asesoramento mútuo, entre outras posibilidades.
Proxectos a curto prazo
Como exemplo de algunhas iniciativas que se poderían acometer a curto e medio prazo ao abeiro deste acordo de colaboración, Pilar Rojo adianta a súa intención de que a comunidade universitaria se implique na realización de estudos e traballos de carácter archivístico, bibliotecario e documental relacionados co Parlamento, así como en actividades destinadas a difundir o mellor coñecemento da institución parlamentaria.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina