saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acollerá unha nova xornada de Portas Abertas o vindeiro sábado, 26 de maio

 A iniciativa enmárcase na aposta de Pilar Rojo por achegar a institución aos cidadáns e poñer en valor o servizo público
 
• Calquera persoa que o desexe poderá visitar as diferentes dependencias da Cámara lexislativa entre as 10,00 e as 18,00 horas

Santiago, 19 de maio de 2012.- O Parlamento de Galicia acollerá, o vindeiro sábado, 26 de maio, unha nova Xornada de Portas Abertas coa que pretende incrementar a proxección social e o coñecemento que os cidadáns teñen sobre o poder lexislativo galego.
 
A do vindeiro sábado será a terceira edición da Xornada de Portas Abertas do Parlamento de Galicia, posta en marcha pola presidenta da Cámara, Pilar Rojo, na actual lexislatura, dentro da súa aposta por achegar a institución aos cidadáns e facilitar que calquera persoa poda coñecer directamente como é e como funciona esta institución.
 
Trátase de contribuir a visualizar o traballo do Parlamento, tentar superar algúns tópicos que rodean a institución e poñer en valor o servizo público. Estes obxectivos son os mesmos que animan outras iniciativas emprendidas polo Parlamento de Galicia no que vai de lexislatura, como o potenciamento do programa de visitas guiadas, un concurso escolar ou un ciclo de charlas itinerantes para estudantes de bacharelato.
 
Durante a Xornada de Portas Abertas do próximo sábado, os cidadáns que o desexen poderán visitar as dependencias do Parlamento de Galicia entre as 10,00 e as 18,00 horas, onde terán ocasión de efectuar unha visita guiada ou, se o desexan, percorrer, por libre, o percorrido sinalizado. 
 
Votacións simuladas e exposición de arquitectura
Os participantes tamén poderán efectuar votacións simuladas no Hemiciclo e terán ocasión de ollar con detemento a exposición A Arquitectura do Parlamento de Galicia. De Facultade de Veterinaria a sede da Cámara lexislativa galega, inaugurada este mércores na sala principal da Biblioteca da institución e que permite coñecer as orixes e a evolución do edificio. A mostra inclúe unha maqueta da sede do Parlamento de Galicia.
 
Presidenta e deputados recibirán aos visitantes
A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, acompañada polos membros da Mesa e da Xunta de Portavoces e outros deputados  recibirán aos visitantes que participen na Xornada de Portas Abertas e atenderán as consultas ou suxetións que se podan formular. Os visitantes tamén terán á súa disposición un buzón no que poderán deixar os comentarios que consideran oportunos.
 
A decisión de organizar cada ano unha Xornada de Portas Abertas no Parlamento de Galicia xurdiu para complementar o programa de visitas guiadas que, de luns a venres, amosa a Cámara aos visitantes que concerten previamente unha cita, ben por  teléfono ou ben a través da páxina web da institución.

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina