saltar ao contido

Acordos da Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, celebrada o 12 de maio de 2023

A  Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, na súa sesión do 12 de maio de 2023, adoptou os seguintes acordos:

 

Procedementos de control e impulso

 

Proposicións non de lei en Comisión

 

Aprobación sen modificacións

 

- 52091 (11/PNC-004465)

Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Nóvoa Iglesias, Marta e 14 máis

Sobre a demanda que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno de España respecto do desenvolvemento dos plans de ordenación do espazo marítimo

BOPG n.º 475, do 30.03.2023

 

Sométese a votación separada por puntos:

 

Punto 1: resulta aprobado por 8 votos a favor, 3 votos en contra e 0 abstencións.

 

Puntos 2, 3 e 4: resultan aprobados pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:

 

1. Desenvolver os Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) desde un enfoque   integrador que contemple unha canle de comunicación continua entre os ministerios competentes, as Comunidades Autónomas e os sectores afectados, con especial protección ao sector pesqueiro. Realizar os estudos socioeconómicos que avalíen os impactos en sectores como o pesqueiro, garantindo que o desenvolvemento dos (POEM) ten en conta aos mesmos. En particular, realizar e dar publicidade á medida ER2 recollida nos POEM (ER2: Análise do sector pesqueiro potencialmente afectado polo Desenvolvemento da enerxía eólica mariña nas zonas propostas nos POEM).

 

2. Dar audiencia desde o máximo nivel ministerial do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico así como do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, aos representantes da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, ao Observatorio de Eólica Mariña de Galicia e ao seu homólogo en Asturias, así como aos das federacións e confrarías de pescadores afectados, para que poidan expoñer as súas discrepancias coa eólica mariña e co contido do Real Decreto 150/2023, do 28 de febreiro, publicado no Boletín Oficial do Estado o 4 de marzo de 2022.

 

3. Atender as iniciativas e resolucións adoptadas nas Cortes Xerais e en distintos parlamentos autonómicos en favor dos pescadores e da súa oposición aos plans da eólica mariña tal e como finalmente foron aprobados polo Consello de ministros.

 

4. Elaborar os estudos científicos e de impacto socioeconómico que permitan determinar e precisar as consecuencias sobre os ecosistemas mariños e sobre a pesca a instalación de parques eólicos mariños."

 

Aprobación por unanimidade sen modificacións

 

- 49481 (11/PNC-004220)

Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego

Fernández Alfonzo, Ramón e 2 máis

Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para promover a retirada ou o soterramento das liñas de alta tensión no barrio de San Valentín no concello de Fene

BOPG n.º 454, do 15.02.2023

 

Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

"O Parlamento de Galicia insta a Xunta a promover a retirada ou soterramento das liñas de alta tensión que sobrevoan o barrio de San Valentín no concello de Fene."


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina