saltar ao contido

Santalices Vieira, na 12ª Asemblea de Administradores de Red Parlamenta: “Canto máis traballemos en equipo máis fortalecidas resultarán as nosas institucións"

  • O  evento, inaugurado esta tarde, contará con relatorios da letrada das Cortes Xerais Raquel Marañón Gómez, e da letrada do Parlamento vasco Montserrat Auzmendia del Solar, ademais de servir de punto de encontro do persoal que administra esta rede de intercambio documental

 

Santiago, 24 de novembro de 2022.- O Parlamento de Galicia acolleu esta tarde  a inauguración da 12º Asemblea de Administradores de Red Parlamenta, unha ferramenta de intercambio documental entre as distintas Cámaras autonómicas.

 

A inauguración da xornada correu a cargo do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que lembrou que a “hospitalidade profundamente enraizada na historia galega" contribuíu, mediante o camiño de Santiago, á conformación dun “sentimento europeísta", ao intercambio de “ideas e coñecemento" , e á expansión de “valores imperecedoiros" como “a solidariedade, o respecto ou a tolerancia".

 

Ferramenta documental dixital conxunta

 

Red Parlamenta é unha ferramenta de colaboración institucional e de intercambio de documentación e experiencias manexada por profesionais das áreas de documentación e biblioteca dos 17 parlamentos autonómicos de España.

 

Santalices Vieira destacou “a profesionalidade, a dedicación e a entrega" coa que traballan as funcionarias e funcionarios do Parlamento de Galicia.

Invitou o presidente da Cámara a  sacar o maior proveito das oportunidades que ofrece Red Parlamenta, “sen temor a efectuar consultas coas que aprender dos nosos homólogos e con xenerosidade á hora de compartir as nosas mellores experiencias".

 

Transcendente no fortalecemento das institucións

 

Deste modo, en opinión de Santalices, será posible superar a “crise de confianza nas institucións públicas" e o “descoñecemento do seu funcionamento e competencias". Cun “esforzo e unha dedicación notables" desde un “enfoque plural" no que han de conxugarse “eficacia, capacidade de adaptación a un entorno en permanente cambio, exemplaridade e transparencia".

 

Cualificou Santalices Vieira o intercambio de experiencias como “enriquecedor" e o traballo de Red Parlamenta como  “unha ponte entre diferentes parlamentos, que constitúe un elo de capital transcendencia". Así, concluíu, "canto máis traballemos en equipo máis fortalecidas resultarán as nosas institucións".

 

Relatorios

 

Logo da inauguración, a xornada proseguiu con dous relatorios. Un por parte da letrada das Cortes Xerais Raquel Marañón Gómez,  sobre Participación cidadá e transparencia no ámbito parlamentario, e outro por parte da letrada do Parlamento vasco Montserrat Auzmendi del Solar, sobre Documentación, transparencia e protección de datos e materias reservadas en la coctelera parlamentaria.

 

Xa no día de mañá, celebrarase unha xornada de traballo que será clausurada polo letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, Xosé Antón Sarmiento Méndez.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina