saltar ao contido

O Parlamento de Galicia leva á Coruña a exposición conmemorativa do 40 aniversario da institución

• A inauguración terá lugar o vindeiro mércores na sala de Exposicións de Afundación, onde poderá visitarse ata o 27 de maio
 
• Entre outros materiais, a mostra inclúe a Proposta de Consello de Galiza, documento manuscrito de Castelao datado arredor de 1943 
 

Santiago, 24 de abril de 2022.- O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021 é o título da exposición que se inaugurará o vindeiro mércores na Coruña para repasar os feitos máis salientables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade.
 
A mostra, que xa permaneceu aberta ao público na sede da Cámara galega entre o 15 de decembro e o 15 de marzo, foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O comisario contou coa colaboración de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX); mentres que o deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.
 
Materiais
 
A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.
 
Entre outros, na exposición é posible contemplar a Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou o mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.
 
A mostra tamén incorpora obras como O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.
 
A exposición, de carácter itinerante, recalará nas diferentes cidades galegas nos próximos meses. Antes da Coruña estivo en Ourense.
 
Na Coruña estará aberta entre o 27 de abril e o 27 de maio na sala de exposicións de Afundación (Cantón Grande, 8). A inauguración está prevista para o vindeiro mércores, 27 de abril, ás 20,00h.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina