saltar ao contido

Santalices: “a desinformación constitúe un dos principais riscos aos que se enfrontan as democracias occidentais”

 
• O presidente do Parlamento de Galicia participou na inauguración dunha xornada sobre a nova comunicación, organizada polo Foro Periodismo 2030 que se celebra esta mañá no Pazo do Hórreo
 
• “O periodismo constitúe un contrapeso imprescindible en calquera democracia avanzada”
 
• Agradece o labor dos xornalistas “que día a día cumpren coas súas obrigas profesionais en circunstancias especialmente complexas”, tales como a situación pandémica ou a guerra en Ucraína

Santiago, 11 de marzo de 2022.- O Parlamento de Galicia acolle esta mañá a celebración dunha xornada sobre a nova comunicación e as novas técnicas de informar no campo político e parlamentario, organizada polo Foro Periodismo 2030, coa participación de directivos e xornalistas de diferentes medios. A inauguración correu a cargo do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; e mailo presidente e o director  Foro Periodismo 2030, Fernando Jáuregui e Sergio Martín, respectivamente, entre outros.
 
Na inauguración, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, considerou que a temática desta xornada resulta de “rabiosa actualidade” , na medida en que “a desinformación constitúe un dos principais riscos aos que se enfrontan as democracias occidentais, como temos visto nas crises de Ucraína, no Brexit ou no proceso secesionista en Cataluña”.
 
Para Santalices, “a sede de inmediatez” dos tempos actuais constitúe o caldo de cultivo idóneo para as fake news. Ao seu xuízo, “sempre é máis cómodo, e para moitos máis atractivo, abrir unha mensaxe de WhatsApp ou ollar un tuit, ignorando procedencia e fiabilidade, que dedicar uns minutos á lectura repousada dunha crónica, a ver un informativo de televisión ou a escoitar algunha das radios coas que temos medrado e madurado como persoas”.
 
Recordou o presidente da Cámara galega que logo da recente conmemoración do 40 aniversario da autonomía de Galicia, un dos retos do Lexislativo galego pasa por “recuperar o crédito social do Parlamento e o prestixio da política”. E ese obxectivo implica ”abrir o Parlamento, e tamén achegar o Parlamento á xente a través de actividades paralelas ás dos órganos da Cámara”, como esta xornada organizada polo Foro Periodismo 2030.
 
Recoñecemento ao traballo xornalístico na pandemia e na guerra de Ucraína
 
Na súa intervención, o titular do Lexislativo galego subliñou que durante os dous anos de pandemia por covid-19 “non reparamos suficientemente na importancia do traballo dos xornalistas que día a día cumpriron coas súas obrigas profesionais en circunstancias especialmente complexas; para eles o noso recoñecemento e agradecemento sincero”.
 
Gratitude que o presidente do da Cámara estendeu tamén “a todos os xornalistas que actualmente se atopan sobre o terreo informando sobre a guerra de Ucraína”. “Esperemos que remate en breve e ogallá que os responsables da invasión –que non é o pobo ruso, senón os seus dirixentes– paguen por todo o dano que están a causar”.
 
A xuízo de Santalices, “o periodismo en xeral e a crónica parlamentaria en particular constitúen un contrapeso imprescindible en calquera democracia avanzada”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina