saltar ao contido

Santalices vincula o rexurdimento das peregrinacións a Santiago coa consolidación do autogoberno en Galicia

 
 
• Recorda que o Xacobeo 93, impulsado pola Xunta, constitúe o punto de inflexión no rexurdimento dos camiños de Santiago
 
• Participou na entrega do VIII Premio Internacional Aymeric Picaud 2021 de divulgación xornalística do Camiño de Santiago a un grupo editorial francés especializado na ruta xacobea
 
Santiago, 25 de xuño de 2021.- O “auxe incontestable que a peregrinación a Compostela e os diferentes camiños de Santiago viven desde os últimos anos do século XX, co Xacobeo 93 como punto de inflexión, é consecuencia directa da capacidade de autogoberno da Comunidade Autónoma e dunha decisión estratéxica, o acerto da cal se acredita ano tras ano, do entón presidente da Xunta, Manuel Fraga,  e dos que o sucederon no exercicio desas responsabilidades, que mantiveron e reforzaron esa aposta, situando a Galicia no centro de todas as miradas, como sucede neste dobre Ano Santo 2021-2022”.
 
Así o manifestou o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, esta tarde, en Compostela, no acto de entrega do VIII Premio Internacional Aymeric Picaud 2021 de divulgación xornalística do Camiño de Santiago, outorgado polas asociacións de xornalistas do Camiño Francés ao grupo editorial “Le Vieux Crayon”, que leva 25 anos traballando en proxectos editoriais relacionados co mundo xacobeo.
 
Catro décadas de autonomía
 
Santalices recordou que se vén de conmemorar o 40 aniversario da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía e que en decembro próximo o Parlamento de Galicia cumprirá catro décadas de vida, conmemoracións que lle serviron para vincular a autonomía política da Comunidade coa aposta pola promoción das peregrinacións a Santiago.
 
Agradecemento aos xornalistas do Camiño
 
O presidente do Parlamento de Galicia felicitou ás oito asociacións de xornalistas do Camiño Francés en España (Aragón, Navarra, A Rioxa, Burgos, Palencia, León, Lugo e Santiago de Compostela) que convocan  o Premio Aymeric Picaud, e traballan sen desmaio  no ámbito da difusión da realidade e os valores asociados á ruta xacobea.
 
Tamén expresou os seus parabéns ao grupo editorial “Le Vieux Crayon” por este premio, ao tempo que se amosou convencido de que as guías actuais e futuras do Camiño de Santiago han de ter, en boa medida, un compoñente dixital, acorde coas demandas do mercado, tal e como acontece coa web e coa aplicación móbil impulsadas polo grupo galardoado na actual edición do Premio Aymeric Picaud.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina