saltar ao contido

Unha delegación chinesa interésase no Parlamento de Galicia polo funcionamento das institucións sobre as que se articula o autogoberno na Comunidade Autónoma

 
• A presidenta da Cámara, Pilar Rojo, e representantes dos tres grupos parlamentarios -Pedro Puy (PPdeG), José Luis Méndez Romeu (PSdeG-PSOE) e Carlos Aymerich (BNG)-recibiron na sede do Lexislativo galega á delegación chinesa que se atopa en Galicia para coñecer o modelo autonómico
 
• A Academia de Ciencias Sociais de China, que asesora ao Goberno chinés en materia autonómica, propón que unha delegación do Parlamento de Galicia visite ese país para explicar o modelo de autogoberno

Santiago, 5 de abril de 2011.- Unha delegación chinesa integrada por unha decena de expertos en ciencias sociais visitou esta tarde o Parlamento de Galicia no marco dun seminario no que participan estes días para coñecer as características do sistema autonómico español e, máis especificamente, as peculiariedades do modelo de autogoberno de Galicia.
 
Os expertos chineses recibiron as explicacións da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera; do portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy Fraga; do viceportavoz do Grupo do PSdeG-PSOE, José Luis Méndez Romeu; e do portavoz do Grupo do BNG, Carlos Aymerich Cano.
 
Na  reunión , tamén se abordou a  invitación cursada polo Instituto de Etnoloxía e Antropoloxía da Academia de Ciencias Sociais de China -entidade asesora do Goberno de Beijing en materia de autonomías- para que unha delegación do Parlamento de Galicia visite ese país co obxectivo de afondar no coñecemento do sistema autonómico.
 
Interese na autonomía galega, con lingua e cultura propias
 
A invitación cursada ao lexislativo galego obedece ao interese das autoridades chinesas por coñecer o modelo de autogoberno de Galicia, territorio cunha lingua e unha cultura diferenciadas, como acontece nalgunhas rexións chinesas.
 
Os anfitrións chineses pretenden que os representantes do Parlamento de Galicia expliquen a súa experiencia nunha rexión autónoma de aquel país.

Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina