saltar ao contido

A Cámara galega recupera a presencialidade nas actividades dirixidas á comunidade educativa coa final de Parlamento Xove

 
• A Cámara galega acolleu esta mañá a final do certame Parlamento Xove 2020-2021
 
• Santalices subliña a utilidade da oratoria e anima ao estudantado a formarse para converterse en persoas con criterio propio nunha sociedade ameazada pola desinformación e as noticias falsas

Santiago, 15 de maio de 2021.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá a fase final do certame Parlamento Xove 2021, organizado pola Consellería de Política Social da Xunta coa colaboración do Lexislativo galego. Foi, como apuntou o presidente do Parlamento, o primeiro acto destas características que se celebra na Cámara galega desde a irrupción da covid-19, en marzo do ano pasado.
 
O acto celebrouse con todas as precaucións, cunha ocupación máxima de 45 persoas por quenda e respectando as recomendacións das autoridades sanitarias para eventos deste tipo.
 
A clausura contou coas intervencións do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; e da directora xeral de Xuventude da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, Cristina Pichel. Asistiron tamén integrantes da Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, do Parlamento.
 
Na súa intervención, o presidente do Lexislativo galego gabou a capacidade oratoria dos participantes nesta edición de Parlamento Xove, convencido de que tanto o Parlamento como as restantes institucións democráticas “contan cunha excelente canteira”.
 
Recordou Santalices que a Medalla do Parlamento de Galicia deste ano recoñeceu o traballo e o legado da Xeración Nós, entre os integrantes da cal sinalou a Otero Pedrayo, “un home de cultura enciclopédica que encandilaba co seu verbo a calquera auditorio”. Citou tamén a Camilo Jose Cela, o único galego galardoado co Premio Nobel, que desde novo destacou pola súa capacidade discursiva.
 
Ferramenta útil
 
“Dun ou doutro xeito, a oratoria é sempre unha ferramenta útil para quen a cultiva”, sinalou Santalices, ao tempo que insistiu na relación directa entre a oratoria e os hábitos de lectura.
 
Abundando nesta idea, o presidente do Parlamento apuntou que “se a lectura sempre foi determinante para a formación integral da persoa, neste momento tórnase imprescindible”. Argumentou que “nun mundo ameazado pola desinformación e as noticias falsas coas que pretenden manipularnos, só as persoas con criterio serán quen de defenderse e saír airosas deste bombardeo  incesante”. Animou tamén ao estudantado a esforzarse durante a súa etapa formativa para “adquirir coñecementos, desenvolver habilidades sociais e forxar un futuro profesional sólido”.
 
Galardoados
 
Na categoría de ESO resultou campión o Colexio Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa; e subcampión o Colexio Lasalle de Santiago de Compostela.
 
O equipo campión na categoría de Bacharelato foi o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, mentres que resultou subcampión o IES de Becerreá.
 
Na categoría de Universidade resultou campión o equipo do Campus de Santiago e subcampión o do Campus de Pontevedra.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina