saltar ao contido

O Parlamento conmemora o 40 aniversario da promulgación do Estatuto coa xornada “Catro décadas de Autonomía de Galicia. Retos e oportunidades”


 
• O evento terá lugar na mañá do luns 12 de abril e contará con dúas mesas redondas arredor da perspectiva académica sobre a Autonomía e o papel dos medios na súa consolidación
 
• Será inaugurado polo presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas, e clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo
 
Santiago, 10 de abril de 2021.- O vindeiro luns, 12 de abril, a Cámara galega acollerá unha xornada conmemorativa do 40 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia (6 de abril de 1981). Baixo o título “Catro décadas de Autonomía de Galicia. Retos e oportunidades”, o programa inclúe dúas mesas redondas que se desenvolverán ao longo da mañá no Pazo do Hórreo.
 
O evento será inaugurado polo presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas, logo dunha intervención do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira. 
 
Deseguido dará inicio a primeira mesa redonda, programada para as 11,00 horas. A delegada de Europa Press en Galicia, Rita Penedo Iglesias, será a moderadora do encontro “O Estatuto de Autonomía de Galicia. Unha ollada académica”. Participarán Sonia García Vázquez, profesora de Dereito Constitucional na UDC; Ana Gude Fernández, decana da facultade de Dereito da USC; e Roberto L. Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional nesta última universidade.
 
Directores de xornais galegos
 
Xa a mediodía comezará a segunda mesa redonda da xornada, “Contribución da prensa galega á consolidación da Autonomía. Análise e perspectivas”. A conferencia será conducida pola delegada da Axencia EFE en Galicia, Ana Martínez Pedrosa, e intervirán nesta os directores de seis xornais galegos. Así, participarán  Xosé Luís Vilela Conde, director de La Voz de Galicia; Rogelio Garrido García, director de Faro de Vigo; Afonso A. Riveiro, director de El Progreso; Xosé Pastoriza Martínez, director de La Región; José Manuel Rey Nóvoa, director de El Correo Gallego; e Manuel Ferreiro Regueiro, director de El Ideal Gallego.
 
Todas as cabeceiras editábanse no momento no que se promulgou o vixente Estatuto.
 
A xornada será clausurada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ás 13:30 horas.
 
A actividade poderá seguirse en directo a través da web do Parlamento de Galicia.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina