saltar ao contido

Declaración institucional en apoio da candidatura de D. Francisco Javier Pitillas Torra ao Premio Princesa de Asturias de la Concordia

 

O Parlamento de Galicia declara, por acordo de todos os grupos parlamentarios con representación na Cámara, o seu apoio á candidatura de D. Francisco Javier Pitillas Torra, fundador de Discamino, para a concesión do Premio Princesa de Asturias da Concordia.
 
Francisco Javier Pitillas (Vigo, 1962) é un sarxento da Policía Local de Vigo, atleta de éxito internacional e fundador no ano 2009 de Discamino, un proxecto que axuda a persoas con discapacidade a realizar o Camiño de Santiago loitando pola igualdade de oportunidades.

Entre os méritos de Javier Pitillas, no ámbito persoal e profesional, poderiamos destacar unha prolífica carreira deportiva na disciplina do atletismo (foi subcampión absoluto de España dúas veces, internacional en seis ocasións e campión de España de veteranos).
 
En 1996 comeza a compatibilizar o seu labor profesional coa de adestrador de atletismo a usuarios da ONCE, e trece anos despois, cun compromiso social e persoal permanente coas persoas con discapacidade, crea o proxecto Discamino, destinado a posibilitar a realización do Camiño de Santiago a persoas con grandes discapacidades como unha vía de integración e superación persoal, contribuíndo a axudar, visibilizar e difundir a cultura do deporte e do esforzo, así como o respecto e o recoñecemento á valía de todas as persoas, con independencia das súas capacidades.

O Camiño de Santiago é a fiel imaxe dun itinerario cultural común, centrado na cooperación e a solidariedade de todas as persoas que por el transitan. Tras 11 anos, Discamino conta cun equipo de 90 persoas voluntarias que posibilitou que 115 persoas con discapacidade puidesen vivir esta experiencia. En total, desde o ano 2009 e de forma ininterrompida, leva xa 72 camiños realizados, entre os que se inclúen: dous desde Roma, catro desde Roncesvalles, dúas veces a Ruta da Prata, a volta ciclista a España, a volta ciclista por Andalucía, outra volta pola provincia de Cádiz, outra volta polo Cantábrico, unha ruta polos Alpes, a Transpirenaica…
 
Esta iniciativa permitiulle recibir premios de recoñecido prestixio á solidariedade, como as Medallas Castelao no ano 2014 ou a Condecoración da Orde de Mérito Civil por Felipe VI no ano 2015, condecoración que recoñece aos cidadáns anónimos que «coa súa conduta exemplar fan grande» España.
 
O Premio Princesa de Asturias da Concordia sería un merecido recoñecemento a unha persoa que manifestou ao longo da súa traxectoria vital un profundo amor, humildade e xenerosidade; e que conseguiu atopar, a través do deporte e do Camiño de Santiago, unha vía para facer felices centos de persoas con especiais dificultades. E esta distinción significaría un recoñecemento, non só á súa persoa, senón tamén a unha iniciativa que constitúe un referente dos valores que conforman a concordia.
 

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2021

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina