saltar ao contido

Santalices gaba a “valentía e integridade” de personalidades como Otero Pedrayo ou Carballo Calero “comprometidos coa causa da liberdade e do galeguismo”

 
• O presidente do Parlamento asistiu en Trasalba á presentación do epistolario entre Otero Pedrayo e Carballo Calero, dispoñible na web grazas á colaboración entre a Fundación Otero Pedrayo e o Consello da Cultura Galega
 
• As cartas están depositadas no Parlamento de Galicia e na Fundación Penzol

Santiago, 7 de marzo de 2020.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta mañá en Trasalba na presentación do epistolario dixitalizado de Ramón Otero Pedrayo a Ricardo Carballo Calero, un proxecto materializado no marco dun convenio de colaboración entre a Fundación Otero Pedrayo e o Consello da Cultura Galega.
 
O traballo foi acometido de acordo coa familia de Carballo Calero e permite acceder, na web, a un total de 167 cartas entre os dous persoeiros. Destas, 85 cartas (as enviadas por Otero e recibidas por Carballo) están depositadas no Parlamento de Galicia e as 82 restantes (enviadas por Carballo a Otero) son custodiadas pola Fundación Penzol.
 
A Biblioteca de Carballo Calero no Parlamento
 
Santalices confesou que o acto de hoxe supón unha “regalía” na medida en que o Parlamento de Galicia custodia a biblioteca e o legado documental de Ricardo Carballo Calero, “perfectamente catalogado e a disposición de calquera estudoso interesado en afondar na súa figura e na época  que lle tocou vivir”.
 
Recordou o presidente do Parlamento de Galicia que os protagonistas do acto celebrado esta mañá, Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carballo Calero, ao igual que outros coetáneos, foron “persoas comprometidas coa causa da liberdade e do galeguismo”, que afrontaron as dificultades de aquel momento “cunha enteireza, valentía e integridade realmente exemplares”.
 
Insistiu o titular do Lexislativo autonómico en que “a Galicia actual está en débeda cos galeguistas históricos que antes e durante a ditadura, nuns casos desde a Galicia territorial, noutros desde a emigración ou desde o exilio, trazaron a senda do que é a Galicia actual”.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina